Chelo Martínez deixa unha AGE “onde a dinámica a marca EU” para pasar ao grupo mixto

Cualifica Alternativa Galega de Esquerdas de “iniciativa fallida” e afirma que non barallou nin baralla deixar a acta de deputada.

chelo martinez cerna
photo_camera Chelo Martínez, 5ª pola esquerda, con membros de Cerna

Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) ten agora dous deputados menos que hai tres anos, cando irrompeu con nove deputados no Parlamento galego, conformándose coma o terceiro grupo parlamentar. Chelo Martínez anunciou esta cuarta feira que se daba de baixa como deputada do grupo de AGE para pasar ao grupo mixto, onde a agarda Carme Iglesias, que tamén provén de AGE.

“Hai 15 días estaba convencida de que era posíbel continuar dentro de AGE”, dixo Martínez en rolda de prensa, “mais non foi posíbel”. A parlamentar sinalou que Alternativa levaba tempo “sendo un grupo de grupos, onde o peso é de Esquerda Unida”, algo que volveu resaltar na súa comparecencia: “Quen marca a dinámica en AGE é EU”. Martínez sinala que xa era coñecido que “discrepaba” dese peso de Esquerda Unida, mais entendía que coa aparición de Cerna había unha “terceira pata” -as outras dúas: Anova e EU- que levase a equilibrar a situación e “posibilitar esa pluralidade de AGE”.

“Hai 15 días estaba convencida de que era posíbel continuar dentro de AGE” dixo Martínez en rolda de prensa, “mais non foi posíbel”

“AGE xa non representa esa vontade de cambio”

A deputada viguesa entende que AGE xa non representa “a filosofía de Frente Ampla” nin a “vontade de cambio”, polo que a vía que lle ficaba era pasar ao grupo mixto. A preguntas dos xornalistas sobre se barallou renunciar á acta de deputada dixo que non, argumentando que ten “un grupo detrás, Cerna, que era a metade de Anova”. Nesta liña, Martínez sinala que a súa marcha é parella á de “moita xente que estivo na creación de Anova” e que optou por saír desa organización após a II Asemblea Nacional.

“Non recibín presións de ninguén”, sinalou na rolda de impresa, mais tamén, preguntada sobre se nestes días houbera xestos que non lle gostaran, recoñeceu que “hai cousas” mais declinou entrar en detalles. “O importantes son as razóns políticas”, engadiu.

Municipais

Para Chelo Martínez este paso ao grupo mixto prodúcese nun momento político “novo, onde se están a buscar novas fórmulas de participación. AGE era unha experiencia nese sentido”, mais a experiencia, di, non callou, e mesmo falou de “iniciativa fallida”. “As bases das organizacións son moi proclives a un cambio, as cúpulas non”. E emprazou as municipais de maio como oportunidade para promover “candidaturas de unidade popular”, evitando divisións.

Beiras: "Fraccionar non é a mellor forma de pelexar pola unidade"

O portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, afirmou que "respecta a liberdade de expresión" de Chelo Martínez, mais apuntou que "fraccionar non é a mellor forma de pelexar pola unidade". Beiras defendeu o papel que desenvolver a Alternativa Galega de Esquerdas e asegurou que a el aínda lle queda "gasolina".

Comentarios