Eleccións 12-X

As chaves dunha campaña atípica: Falan as candidaturas

Miguel Tellado (PP), Pablo Arangüena (PSOE), Borja San Ramón (Galicia en Común) e Goretti Sanmartín (BNG) falan para Nós Diario sobre cales consideran que son as claves desta campaña electoral.
Papeleta Dani Candal

A media noite arrancou oficialmente a campaña electoral de cara ao 12X, data fixada para a realización dos comicios galegos adiados por mor da pandemia da COVID-19 provocada polo novo coronavirus. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou a suspensión das eleccións previstas para o 5-A o 18 de marzo, co consenso das forzas da oposición e o aval da Xunta Electoral da Galiza, que decretou a "repetición íntegra do proceso" e non desde o inicio da campaña, como pretendía o Goberno galego.

MIguel Tellado (PP): "Falar do que lle interesa á Galiza"

O secretario xeral do Partido Popular e coordinador desta campaña sinala a Nós Diario: "Para o PPdeG, a chave desta campaña será falar do que lle interesa a Galiza. Centrarémonos en explicar a nosa proposta para volver ao camiño do crecemento económico, da creación de emprego e continuar coa mellora dos nosos servizos públicos", afirma Tellado, quen apunta unha campaña diferente, marcada "polas estritas medidas de seguridade". "Ofrecémoslle a Galiza un liderado sólido e solvente, un equipo unido e un Goberno estábel con experiencia en situacións complicadas como a que temos por diante. En fronte, a alternativa cremos que é unha amalgama de partidos, sen líder nin proxecto definido, cuxo programa estaría condicionado pola submisión a Sánchez e Iglesias".

Pablo Arangüena (PSOE): "A chave está na mobilización progresista"

Vicesecretario Xeral do PSdeG e candidato número 1 ao Parlamento pola Coruña: "A chave desta campaña electoral está en que haxa unha mobilización do electorado progresista, a do mesmo votante que en abril e en novembro de 2019 se mobilizou nos comicios  estatais e que deixou 55% de maioría de progreso. As enquisas están a falar agora de que hai 41% de votantes indecisas e indecisos, unha cifra máis alta que en ocasións anteriores, polo que é importante nestas semanas podermos convencer. A chave das eleccións tamén está en que vaia habendo estes días un ambiente de campaña, pois estamos ante a crise máis forte das nosas vidas e a diferenza vai ser enorme entre se hai unha saída pola dereita ou ben, pola esquerda".  

Borja San Ramón (Galicia en Comun): "Somos a única formación capaz dunha mobilización electoral de cambio"

Secretario xeral de Podemos Galicia e coordinador da campaña de Galicia en Común: "Estamos ante unha campaña atípica que non se debera dar nestas condicións, mais unha vez iniciada, Galicia en Común vai ser a chave que permita pórlle fin a unha década negra de Goberno de Núñez Feixoo", salienta Borja San Ramón, quen marca como obxectivo a mobilización do electorado "que só nós podemos lograr para favorecer un Goberno alternativo, progresista e de esquerdas". Malia non se dar o mellor escenario "para que ninguén quede na casa, non podemos deixar que Feixoo revalide unha maioría que non se revalida nas rúas", incide. Neste sentido, a súa formación, di, aposta por "romper coa imaxe de falsa moderación de Feixoo, que insiste en agochar as siglas do PP".

Goretti Sanmartín (BNG): "O reto é liderar unha alternativa en chave de país e igualdade"

Concelleira e portavoz do BNG en Compostela e coordinadora da campaña electoral: "Nesta campaña o que nos xogamos é o modelo de país que queremos para os próximos anos. Ben un que acaba privatizando os servizos públicos, destruíndo o territorio, sen apostar pola igualdade, o talento e a investigación, ben por outro moi distinto que atenda o que preocupa ás maiorías sociais e aposte para que en Galiza teñan capacidade de decidiren", explica Sanmartín. Así, defende a necesidade dunha alternativa "sólida, con experiencia nos concellos e capacidade de liderado, que faga política en chave galega, segura das potencialidades do país", como é a que ofrece  o BNG, encabezada por Ana Pontón, que tamén busca facer historia en "chave de igualdade"

Comentarios