EU DE AROUSA PIDE A EXPULSIóN DA COORDINADORA GALEGA

Chamamento á desesperada de Cayo Lara a Yolanda Díaz e deputados cataláns de IU para facer grupo

O coordinador federal de Izquierda Unida fai un chamamento á desesperada para tratar de conformar un grupo parlamentar propio de IU. Para iso, é imprescindíbel a presenza de Yolanda Díaz e dos deputados cataláns da formación política, a día de hoxe integrados no grupo parlamentar de Podemos.

cayo lara
photo_camera cayo lara

“Necesitamos un grupo parlamentar como auga de maio”, admitiu Cayo Lara na mañá do sábado perante o Consello Político Federal de IU. Mais para facer posíbel o grupo parlamentar propio, IU necesita dos parlamentares integrados no grupo de Podemos, é dicir, de Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU, e dos cataláns.

Segundo Cayo Lara, conta co compromiso de Ciudadanos e mais do PSOE para permitirlle a IU formar grupo de seu se aos seus dous deputados, Alberto Garzón e Sol Sánchez, se lles unen os membros de IU que se presentaron baixo o paraugas de En Marea –caso de Yolanda Díaz- e de En Comú Podem –caso de Joan Mena e Félix Alonso.

IU ten até as 14h deste sábado de prazo para presentar formalmente a súa solicitude

O dirixente de IU sinalou que a organización ten até as 14h deste sábado de prazo para presentar formalmente a súa solicitude, co fin de que a Mesa do Congreso estuda a proposta a próxima terza feira.

Cayo Lara lembrou a delicada situación económica na que se atopa IU –que se vería abocada a desenvolver un plan de axuste que implicaría o despedimento de traballadores e traballadoras- após ficar sen grupo de seu no Congreso.

EU de Arousa demanda a expulsión de Yolanda Díaz por "tránsfuga"

Doutra banda, o Consello Comarcal de EU en Arousa solicitou que se lle aplique a Yolanda Díaz o réxime disciplinario da formación política, o que suporía a súa expulsión, por se integrar no grupo parlamentar de Podemos. Os arousáns xa emprazaran a coordinadora nacional de EU a se sumar aos dous parlamentares de IU no grupo mixto.

Segundo publica La Voz de Galicia, IU de Arousa ve a situación de Yolanda Díaz, que optou por integrarse no grupo parlamentar de Podemos e non no grupo mixto cos deputados de IU, "un evidente caso de transfuguismo". Advirten, ademais, que consideran rotos os lazos da alianza eleitoral no seo de En Marea.

Comentarios