O CXPX avala a reforma da lei do aborto e pide sancións para as mulleres que o practiquen

Con 8 votos a favor e 4 en contra, o Consello Xeral do Poder Xudicial propón que as mulleres sexan multadas de interromperen a súa gravidez fóra dos supostos recollidos na lei pois, din, a vida do nascituro "non é un ben á súa libre disposición".

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) emitiu esta segunda feira o seu informe favorábel ao anteproxecto de lei de reforma do aborto. Porén, este órgao consultivo vai para alén e propón introducir mudanzas no texto lexislativo. Entre elas, impor sancións para aquelas mulleres que "se causen ou consintan que outro lles cause un aborto á marxe dos supostos previstos". Aliás, pide penas de prisión naqueles casos en que se deixe de abonar a multa (un día de cadea por cada dous de impago).

O Consello pide que os prexuízos psicolóxicos non teñan carácter vinculante para abortar en caso de malformación

Segundo o pleno do CXPX o aborto non constitúe un dereito en si propio, polo que a vida do nascituro "non é un ben á súa libre disposición". O Consello aplaude, polo tanto, que a lei equipare en termos xurídicos a vida do feto á da nai.

Aliás, no texto definitivo aprobado esta segunda feira coidan que o suposto de prexuízos psicolóxicos para a muller non debe ser vinculante á hora de interromper a gravidez e mesmo avala o artigo que permite á fiscalía asumir a representación "dos intereses" dunha muller que decide abortar mesmo cando a opinión d@ fiscal sexa contraria.

As catro voces discordantes do pleno --que se corresponderían co sector progresista do Consello-- avanzaron que emitirán votos particulares contra o informe final pois, din, a reforma "é constitucional", mais "desnecesaria".

Comentarios