O Tratado de Libre Comercio con Canadá crearía un tribunal supraestatal

O CETA, un perigo para a soberanía galega

Lidia Senra, eurodiputada de AGE, e Antón Sánchez, voceiro parlamentar da mesma formación, expuxeron esta mañá o seu rexeitamento ao tratado de libre comercio con Canadá, CETA, polo seu carácter favorecedor a empresas multinacionais sobre as institucións e os sectores produtivos locais. VÍDEO NO INTERIOR.

Lidia Senra e Antón Sánchez expuxeron a problemática do CETA. Foto: Irene Pin
photo_camera Lidia Senra e Antón Sánchez expuxeron a problemática do CETA. Foto: Irene Pin

Na mañá da sexta feira, Lidia Senra e Antón Sánchez compareceron na sede parlamentaria de AGE para dar luz ás consecuencias que traería consigo a aprobación do tratado de libre comercio con Canadá, a nivel lexislativo, ambiental e económico.

Estaba previsto que a aprobación do CETA tivese que pasar, unicamente, polo Consello e o Parlamento europeos, segundo a intención do Presidente da Comisión, Jean Claude Juncker, mais finalmente o acordo será considerado mixto, polo que deberá ser ratificado polos parlamentos nacionais dos 28 países que conforman a Unión. En base a isto, Lidia Senra chamou á poboación a manifestar o seu desacordo co tratado, ao tempo que demandou que “sen o acordo de Galiza o Estado non poida ratificar o tratado”.

“Cos mecanismos que establece este tratado, a empresa Edgewater podería reclamar ante tribunais privados”

O CETA, está a ser un tratado de grande polémica, con problemáticas específicas moi similares ao TTIP. Os motivos do rexeitamento ao CETA, por parte de Alternativa Galega de Esquerdas, atópanse principalmente en varias características específicas que farían perigar a soberanía dos pobos gravemente. O CETA contempla a creación de mecanismos protectores da inversión que permitirían ás multinacionais demandar aos estados, por decisións que as prexudicasen economicamente, ante tribunais de arbitraxe superiores á xustiza de calquera país e sobre os cales non habería control cidadán. Este caso foi exemplificado por Lidia Senra e Antón Sánchez, poñéndoo en comparación co acontecido na mina de Corcoesto. “Cos mecanismos que establece este tratado, a empresa Edgewater podería reclamar ante tribunais privados”, apuntou Antón Sánchez, recordando que a multinacional canadense ten que emprender as accións legais pola vía xudicial ordinaria.

O tratado de libre comercio con Canadá tamén inclúe unha cláusula que impediría a reversión de servizos públicos privatizados, polo cal todo servizo que for privatizado por un goberno neoliberal, non podería ser revertido coa posterior elección democrática dun goberno que tivese o obxectivo de garantir os servizos públicos e universais.

"Estanse a considerar unha barreira para o comercio ás lexislacións de valores medioambientais”

Por todo isto, Antón Sánchez clasificou o CETA como “un acordo tipo dentro da voracidade capitalista europea” no que non só se queren eliminar aranceis para permitir o libre comercio, senón que “se están a considerar unha barreira para o comercio ás lexislacións de valores medioambientais”.

Precisamente, por superar os asuntos de comercio, os cales son competencia exclusiva de Bruxelas, afectando a moitas áreas competencia dos gobernos nacionais, o tratado terá a condición de acordo mixto, tendo que pasar obrigatoriamente polos parlamentos de todos os membros da unión. No caso de que as cámaras nacionais aprobasen o CETA, tendo como data límite o 27 de outubro, o acordo ratificaríase no pleno europeo de febreiro.

Comentarios