Barcelona está nunha situación límite, á beira da apocalipse, se acreditamos na paisaxe dantesca que debuxa César Antonio Molina na súa columna desta quinta feira en El Mundo. A capital catalá estaría en mans "como noutras épocas terríbeis, de nacionalistas fanáticos e de anarquistas ao modo de antisistemas do século XXI".
Menos mal, vén argüír o escritor e avogado, que fronte a estes "extremistas" aínda ficaría "xente de ben que quer seguir contribuíndo para o desenvolvimento e grandeza da súa cidade".
Esa xente de ben ten o líder perfecto no candidato á alcaldía de Barcelona de Ciudadanos, Manuel Valls, a quen Molina apoia afervoadamente. Alén de glosar o seu currículo como político galo que chegou a primeiro ministro con Hollande como presidente da República, o ex ministro de Zapatero lamenta que a candidatura do francés nado en Barcelona non vaia recibir o apoio dos "partidos constitucionalistas". Sería esencial para tirar da Alcaldía a unha Ada Colau á quen o tamén ex deputado do PSOE ve tan nefasta que até lle apón a responsabilidade de non ser capaz de previr "os atentados terroristas" que sofreu a cidade.
Engrosa así Molina o sector de ex cadros do PSOE que se pasaron con armas e bagaxes á órbita de Cs. Nel áchase tamén Francisco Vázquez, ex alcalde da Coruña. De feito os dous teñen moito a ver coa fragua da candidatura de Paz Gago a María Pita.