O cesamento de dous edís do PSOE racha o pacto de Goberno en Cangas

A alcaldesa, Victoria Portas (ACE), alegou unha "perda de confianza" nos concelleiros Pilar Nogueira e Eugenio González pola paralización cautelar dunha obra por parte da Xunta.
A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas. (Foto: Concello de Cangas) #victoriaportas #cangas #pactodegoberno #municipal #alcaldesa
photo_camera A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas. (Foto: Concello de Cangas)

A decisión da alcaldesa de Cangas do Morrazo, Victoria Portas (ACE) de destituír dous edís do PSOE -supostamente despois de instalos a dimitir pola paralización dunha obra por parte da Xunta- vén de romper o pacto de goberno no municipio.

O voceiro do grupo municipal socialista, Eugenio González, foi o que comunicou que dan por desaparecido o pacto porque tanto el como a concelleira Pilar Nogueira foron cesados dos seus cargos esta segunda feira e só ficarían outras dúas compañeiras (Sagrario Martínez e Ingrid Loredana) no equipo de Goberno.

Para apartar Nogueira e González do Executivo municipal, a rexedora argumentou unha "perda de confianza" ligada a unhas obras de explanación levadas a cabo na praia de Rodeira para acoller unha proba deportiva e que foron paralizadas preventivamente pola Xunta da Galiza ante unha posible afectación a unha especie protexida de arbusto protexida.

Responsabilidade

Portas tería defendido a permanencia de Martínez e Loredana, pero para González o pacto rachou.

"Nós entendemos que, se nos cesa a dous concelleiros, os outros dous veñen connosco porque o PSOE é un grupo municipal de catro", explicou. De feito, puxo en dúbida a xestión municipal futura só coa equipa de ACE.

Ademais, dixo non entender a destitución porque, sempre segundo a súa versión, foi a líder de ACE a que "asinou" o permiso para o acceso da maquinaria á zona e "xestionou o procedemento".

Desde o punto de vista do portavoz, vai ser "a alcaldesa máis efémera de Cangas". Así, afirmou que non contaba cos socialistas "nin coa súa propia coalición" para a xestión, "mentres que, co seu predecesor, Xosé Manuel Pazos, había un goberno de varios partidos".

Comentarios