Cerna pide a disolución dos partidos que conforman En Marea

“Téñense convertido máis nun problema que nunha axuda”, indica esta organización nun comunicado, onde afirma que na asemblea fundacional de En Marea, en 2016, todos se comprometeron a dar ese paso. Cerna é un dos componentes chave da maioría villarista que goberna a confluencia.

paula verao cerna
photo_camera Paula V. Verao, deputada de En Marea e membro de Cerna.

No momento en que Podemos e Izquierda Unida sacan músculo, coas cúpulas estatais asinando - tamén con Equo- un acordo en virtude do cal pactan ir en coligazón -e non como partido instrumental- nas municipais de 2019, Cerna emite un comunicado no que pide a disolución dos partidos que están en En Marea: Anova, Esquerda Unida, Podemos Galiza e o propio Cerna.

Para esta organización, que ten entre os seus rostros máis visíbeis o da deputada Paula Vázquez Verao e do que tamén fan parte veteranos na política como Mario López Rico“hai que deixar xa os intereses de parte que houber e pasar a explicitar sen reservas nin medos a unidade popular cidadá”. Consideran que “hoxe, partidos e plataformas, mesmo no papel de motores auxiliares, téñense convertido máis nun problema que nunha axuda”. Unha referencia aos conflitos que agromaron ao longo destes meses e que no que determinadas formacións se situaban á marxe ou enfronte das decisións adoptadas polos órganos de En Marea, como no caso Paula Quinteiro.

Argumentan esta chamada á disolución dos partidos en que esa foi a vontade expresada na Asemblea fundacional de En Marea, en Vigo en 2016. “Alí, as organizacións preexistentes nos comprometemos explicitamente a exercer temporalmente un papel de motores auxiliares para iniciar o camiño e só para inicialo”. Agora, o momento pasa, sosteñen, por una “En Marea soberana” e iso implica “que apaguemos os motores auxiliares porque as decisión xa son das inscritas e só das inscritas”.

Cerna - nada dunha escisión de Anova- é un dos apoios fundamentais de Luís Villares. A súa chamada á disolución dos partidos entronca co paso dado a finais de 2017 por Espazo Ecosocialista, corrente interna de En Marea, que anunciaba que se disolvía ao considerar que xa non tiña "finalidade práctica "pois o partido instrumental xa é o proxecto de cambio que Galza necesita" e en cuxa consolidación "deben colaborar todas as persoas". 

Comentarios