Cerna acorda abandonar Anova e constituírse en partido político

O 75% da súa militancia apoiou a saída da organización liderada por Beiras e o 63% constituírse como partido político.

Cerna deixa Anova-Irmandade Nacionalista. Así o acordou a súa militancia no referendo telemático desenvolvido do 23 ao 26 de outurto. Cunha participación do 73% (276 militantes) a maioría decidiu abandonar a formación liderada por Xosé Manuel Beiras (o 75%) e constituírse como partido político (63%), segundo os dados publicados pola organización no seu portal web

A crise interna que atinxía Anova-IN desde a cimeira das eleccións europeas féchase, pois, coa saída do grupo crítico encabezado por Luís Eyré, 'Palleiro', Paula Verao ou Chelo Martínez. Esta última, actualmente deputada de AGE no Parlamento galego, sitúase nunha complexa situación após a decisión da militancia de Cerna. 

A dúbida paira agora sobre o futuro da deputada de Cerna, Chelo Martínez

Nos últimos días aumentaron os rumores dunha hipotética saída do grupo parlamentar de AGE cara ao Grupo Mixto, porén, Martínez asegurou --antes de se coñecer os resultados do referendo-- que permanecerá na coligazón, a todas luces como independente e non como integrante de Anova.

Este feito deixaría @s de Beiras en clara minoría a respeito dos seus socios, pois Esquerda Unida conta na actualidade con 5 parlamentares e Anova con só 2, se finalmente Chelo Martínez se posicionar como independente. 

Comentarios