Centos de persoas xúntanse de forma espontánea para asubiar a Merkel e Rajoy

Esta segunda feira hai convocadas protestas organizadas contra a visita da líder do neoliberalismo europeo e o recebemento que lle dan os gobernos do PP, pero á súa chegada ao Obradoiro xa se escoitaron berros na súa contra.

Centos de persoas reuníronse en torno ao Hostal dos Reis Católicos onde, pasadas as 19,00 horas, a chanceleresa alemá, Angela Merkel, e o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, chegaron tras percorrer os arredor de 6 quilómetros elixidos do tramo do Camiño de Santiago, algo que fixeron nunha hora.

Á súa chegada, numerosas persoas pitaron en contra dos "recortes" e berraron "fóra, fóra". Soamente ao final, cando Merkel e Rajoy se achegaron aos curiosos e turistas que se desprazaron ao Obradoiro, escoitouse algún tímido aplauso.

Entre os berros que se proferiron na compostelá Praza do Obradoiro, tamén se puido ouvir como unha muller lamentaba "camiño duro o noso, non o que fixeches ti". Outras voces dicían "vaite para Alemaña".

Para as 11.00 desta segunda feira están convocadas protestas no Obradoiro contra a visita, da que presume o PP.

Comentarios