Concentracións en Galiza para apoiar a loita do pobo catalán

Centos de persoas concentráronse onte en Compostela, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Pontevedra e A Coruña para apoiar e solidarizarse coas presas políticas catalás e para apelar ao dereito a decidir dos pobos.

Concentración en Compostela en apoio a Catalunya [Imaxe: SG]
photo_camera [Imaxe: SG] Concentración en Compostela en apoio a Catalunya

Co lema “Paz-Amnistía-Autodeterminación”, a plataforma “Galiza con Catalunya” saíu ás principais rúas galegas para mobilizarse e denunciar a “represión brutal contra o pobo catalán”, censurando tamén o uso de “munición prohibida e tácticas de terror” por parte das forzas de seguridade do estado que xa deixou centos de persas feridas e máis de 200 arrestos.

“Persoas anónimas que queren exercer o seu voto, que se negan a aceptar unha sentenza inxusta e vingativa contra os seus líderes sociais e políticos e deciden ficar caladas e organizar protestas ou que son criminalizadas por se protexeren frente a esa mesma brutalidade policial”, sinalou a organización a través do manifesto lido nas concentracións.

Nos actos de solidariedade tamén se apelou a deixar el liberdade os detidos durante o procés de independencia catalán, a respecto tanto de cidadás anónimas como das políticas condenadas pola sentenza do Tribunal Supremo.

Ademais, o movemento, facendo honra ao seu lema, realizou tres reivindicacións nas que fixo súas as esixencias da sociedade catalá. Así, pediron a “paz, pero non en abstracto ou no silencio que nacen do medo e da pasividade, senón a que xurde do fin da brutalidade policial, dunha investigación e depuración a fondo das responsabilidades políticas asociadas e da retirada das forzas policiais españolas de Catalunya”.

A plataforma esixiu tamén a amnistía e a liberación inmediata das presas políticas condenadas polo Supremo español, así como das arrestadas nas marchas das últimas semanas, ademais de apelar a que cese a persecución ás exiliadas e se lles deixe voltar ao seu país.

Por último, nas concentracións esixiuse o dereito á autoderminación, baseándose en que “o pobo de Catalunya xa votou” e que este expresou “con contundencia o futuro republicano e propio que quere construír de maneira colectiva”. Ao respecto, os organizadores aseguraron que o recoñecemento deste dereito é a única resposta “válida para calquera demócrata, mais tamén é a única maneira de solucionar un conflito que se alargou de maneira irresponsábel”.

Comentarios