Centos de moz@s defenden en Compostela a independencia como o motor do cambio que Galiza precisa

A mobilización xuvenil unitaria percorreu a capital de Galiza na véspera do Día da Patria baixo o lema 'A mocidade galega pola independencia. Vencermos nós!”.

Manife independentista xuvenil
photo_camera Fotos: O. Rodil

Centos de mozas e mozos procedentes das diferentes comarcas do país tomaron parte na mobilizacón xuvenil unitaria que decorreu este 24 de xullo en Compostela convocada por 8 organizacións (Agir, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca, Liga Estudantil Galega, Terra e Xeira). A marcha arrancou pasadas as oito da tarde da Alameda compostelá para percorrer varias rúas até a Praza do Toural, onde finalizou. Unha mobilización na que durante todo o percorrido non pararon de corearse consignas a prol da independencia, defendida como unha ferramenta para a transformación social do País.

Do 'Avante, sen tregua, República galega' ao clásico 'Galiza ceive, poder popular', pasando por 'España é a nosa ruína' ou 'Galega ou estranxeira, a mesma clase obreira', as palabras de orde coreadas con énfase polos centos de asistentes a esta convocatoria mantiveron en todo momento unha manifestación do máis animada.

Nunha Compostela chea de turistas, algúns estes non deixaban de amosar a súa curiosidade e/ou extrañeza perante o paso da marcha, moitos deles descubrindo por ver primeira que en Galiza existen movementos que defenden a independencia de Galiza. Algúns turistas aplaudiron ao paso da manifestación, mais non faltou quen botou o 'Viva España' de rigor -entenden eles- nestes casos.

Xa nunha ateigada Praza do Toural procedeuse á leitura do manifesto conxunto: “Un ano máis, nós, a mocidade independentista e nacionalista da Galiza, entendemos a necesidade de saírmos á rúa, unidas, para manifestarmos a firme intención de construírmos a nosa propia liberdade, para nós e para a nosa nación. Contra todas as ferramentas que o Estado impuxo, fomos quen de amosar a fortaleza e o futuro dun pobo que non se rende, que se nega a ser preso deste cárcere de nacións asoballadas chamado España” comezaba o documento. Finalizada a leitura, cantouse o Himno Galego.

Comentarios