Os censos electorais reflicten a emigración que sofre Galiza

Un indicador máis da emigración que sofre o país ten a ver cos dados publicados polo INE sobre o censo de persoas electoras. En tan só cinco meses, aumentou en 3.548 o número de persoas con dereito a voto residente fóra do Estado español, mentres que caeu en 7.681 o número de persoas residentes no Estado

Xente camiñando_Youtube
photo_camera Xente camiñando

O censo de persoas electoras é outro indicador máis do aumento da poboación emigrante na Galiza, aínda que os cambios no censo non só se deben á emigración, xa que poden ter lugar outras circunstancias como as baixas por defunción, por duplicado, por omisión, por cambio de circunscrición... ou as altas pola maioría de idade; por cambio de circunscrición...

Os dados do Instituto Nacional de Estatística amosan que en só cinco meses –desde as eleccións do 20 de decembro de 2015 ás do 26 de xuño de 2016- o país perdeu 7.681 persoas electoras residentes nas catro circunscricións, mentres que gañou 3.548 electoras alén das fronteiras estatais.

Analizamos as catro circunscricións

Por circunscricións electorais, A Coruña gaña 1.250 electoras alén do Estado español, á vez que perde 2.607 electoras residentes. Así, mentres que o 20D puideron votar 152.115 persoas non residentes no Estado, o 26X poderán votar 153.365 máis. A respeito das persoas residentes, estaban convocadas a votar 936.705 o 20D e para o 26X están chamadas a votar 934.098.

O censo Lugo gaña 621 persoas a respeito das eleccións de 2015 no que ten a ver cos residentes fóra do Estado, mentres que perde 1.597 electoras residentes. O 20D formaban parte do censo de electoras que residían fóra do Estado 63.210 e agora forman parte do censo 63.831. Aliás, integraban o censo de residentes 286.322 persoas, cifra que cae ás 284.725 na convocatoria do 26X.

Ourense gaña 600 persoas electoras fóra das fronteiras estatais e perde 1.647 no censo de residentes. E é que mentres que para o 20D estaban chamadas a votar 97.788 persoas que viven fóra do Estado, para o 26X están chamadas a votar 98.388. O censo de residentes era de 267.724 nas eleccións do 20D, cifra que descendeu até as 266.077 electoras no censo dos próximos comicios.

Por último, o censo de Pontevedra segue a mesma liña que a das anteriores circunscricións analizadas. Gañou 1.077 votantes que viven fóra do Estado e perdeu 1.830 das persoas residentes. O censo do 20D recollía 126.905 persoas que residían fóra, mentres que o do 26X recolle 127.982. A respeito das persoas que viven no Estado, no censo do 20D había 775.061, cantidade que diminuíu a 773.231 no censo do 26X.

Comentarios