O INE detecta un "incremento inxustificado" do censo en Castrelo de Miño e San Amaro, gobernados polo PP, antes das municipais

Estatística apunta que xa puxo os feitos en coñecemento da Xunta Electoral Central.
Unha das casas en que se realizaron os empadroamentos de Castrelo de Miño denunciados pola oposición. (Foto: PSdeG)
photo_camera Unha das casas en que se realizaron os empadroamentos de Castrelo de Miño denunciados pola oposición. (Foto: PSdeG)

O INE confirma as sospeitas de "empadroamentos masivos" que lanzou en xaneiro a oposición ao Goberno do PP en Castrelo de Miño. Estatística vén de confirmar que detectou un "incremento non xustificado e significativo" do censo tanto neste municipio, situado na comarca do Ribeiro, como en San Amaro (O Carballiño), dous concellos nos que se rexistraron cambios na Alcaldía durante este mandato que outorgaron aos populares o bastón de mando.

Así o confirman fontes do INE a Europa Press, que apuntan que xa comunicaron este 'exceso' non agardado no censo á Xunta Electoral Central. No caso de Castrelo de Miño, no que unha moción de censura elevou á Alcaldía o popular Avelino Pazos, a edil socialista Catalina González puxo en coñecemento do INE a existencia de até 46 novos empadroamentos nun concello que contaba con 1.380 habitantes.

Esta concelleira asegurou que as altas se sitúan en vivendas relacionadas co rexedor do Partido Popular e unha das persoas trásfugas que lle deu o apoio necesario na moción de censura para tomar o poder na localidade.

"Normalmente, cando en poboacións inferiores a 2.000 habitantes hai numerosas altas nun período curto, o INE actúa de oficio. Fixen comprobacións e o maior número de empadroados era en casas de concelleiras que están no Goberno do PP e un dos dous tránsfugas cos que conta", indicou a concelleira, que solicitou documentación ao respecto que non lle foi remitida, polo que decidiu acudir ao INE, a Valedora do Pobo e a Fiscalía.

Tamén a Oficina do Censo Electoral puxera en xaneiro o foco nesta cuestión: "Ao analizar a evolución do número de electores nacionais residentes no municipio de Castrelo de Miño, referidos ao Censo Electoral fechado ao 1 de decembro de 2022, e tras aplicar programas informáticos, o resultado foi que se obtivo un incremento superior ao que cabería esperar da evolución experimentada nos meses anteriores".

San Amaro

A outra das localidades galegas que figuran no INE como analizadas por un "incremento non xustificado" é San Amaro, onde o Instituto Nacional de Estatística sinala que non obtivo resposta aos seus requirimentos no prazo estabelecido para iso.

Neste caso, o PP recuperou a Alcaldía en outubro de 2021 co apoio dunha edil que deixou Xuntos por San Amaro, formación que gobernaba co PSOE desde as últimas municipais.

Comentarios