venres 24/09/21
Galiza destrúe máis emprego que o Estado

Cen días do último Goberno de Feixoo

Núñez Feixoo reuniu onte o seu Goberno para facer valoración dos 100 primeiros días do actual mandato. Mentres o país afronta unha crise sanitaria e económica sen precedentes, o presidente galego evita propostas concretas.
Alberto Núñez Feixoo onte, no acto de valoración dos 100 días de goberno. (Foto: Xunta da Galiza)
Alberto Núñez Feixoo onte, no acto de valoración dos 100 días de goberno. (Foto: Xunta da Galiza)

Alberto Núñez Feixoo apuntouse á épica para valorar os 100 primeiros días do seu Goberno. Nunha comparecencia diante dos máximos responsábeis do seu Executivo sinalou  que “quedan meses duros para todos; meses de distancias, de máscaras, restricións e de extraordinaria complexidade loxística”, porén “a pandemia pasará" e  haberá que "seguir un tempo xestionando os demoledores efectos". "Non vos podo prometer que sexa sinxelo, relaxado ou que o vaiades pasar ben, pero creo que a estas alturas xa o sabemos todo”, continuou Feixoo, quen afirmou que “cada desvelo, cada desgusto, cada día que cheguedes á casa máis tarde da hora da cea, pagará a pena. Cando miremos cara a atrás, poderemos dicir que vencemos a pandemia, recuperamos o emprego, e que ordenamos e deseñamos a Galiza de 2030".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón sinalou a Nós Diario que “os primeiros 100 días retratan un Feixoo alleo á preocupación e á angustia que viven miles de familias ás que é incapaz de darlles esperanza”. “Feixoo está aproveitando a crise para o desmantelamento da sanidade pública, o apoio ao ensino privado, e un uso fraudulento da capacidade que ten de autogoberno como presidente, que non exerce como podería ao servizo da sociedade galega. Está máis preocupado do confronto político de regate curto que de actuar como un Goberno leal ao seu pobo e con altura de miras”, conclúe Pontón.

O secretario xeral do PSdG, Gonzalo Caballero amosouse moi crítico coa xestión do presidente galego. O dirixente dos socialistas galegos, afirmou que “Feixoo deixou orfa a Galiza, unha folla en branco” e asegurou que “non foi quen de tomar tres decisións importantes positivas”. “Máis aló da mercadotecnia e o autobombo, non hai xestión nin medidas", asegurou Caballero, moi preocupado porque os populares "non están á altura dunha crise de tanta envergadura".

100 días sen novas dos rastrexadores

Os 100 primeiros días da actual lexislatura veñen condicionados pola pandemia. A experiencia da primeira vaga para responder con máis eficiencia ao coronavirus non foi aproveitada polo Goberno que ten repetido moitos dos erros cometidos na pasada primavera. A este respecto, os colectivos sanitarios e as forzas políticas da oposición teñen afeado á Xunta da Galiza a ausencia dunha rede de rastrexadores ampla que permita facer un seguimento preciso do virus para evitar a súa expansión. Neste sentido, denuncian que o Executivo galego se nega a dar a cifra das persoas dedicadas aos traballos de rastrexo, delegando o mesmo en Konecta, unha empresa de call center sen experiencia en materia sanitaria. As conexións da compañía cun irmán da parella de Núñez Feixoo e a súa ligazón co fondo de investimentos propietario de DomusVi continúan sen explicar por parte do Executivo galego.

Os centros de maiores de xestión privada volven concentrar o groso dos falecementos nesta segunda vaga. A mortaldade das residencias, que principia en agosto no xeriátrico da Fundación San Rosendo no Incio, continuada a inicios de setembro no estabelecemento de DomusVi en Outeiro de Rei e seguida noutros centros da Galiza sitúa o foco na urxencia dun modelo de atención aos maiores de carácter público que o Goberno galego non ten vontade de pór en marcha. Ao tempo, vai evidenciarse unha vez máis a conivencia da Xunta da Galiza cos operadores privados da dependencia, certificada na negativa a inspeccionar e sancionar aqueles centros cuxas deficiencias son coñecidas desde hai tempo, como acontece coa residencia de Salvaterra de Miño, un dos puntos negros nesta segunda fase da epidemia.

A resposta sanitaria da Xunta diante desta emerxencia contradí a opinión das expertas. Mentres os e as especialistas en saúde pública recomendan un reforzo da Atención Primaria como primeira liña de combate contra a pandemia, o Goberno galego está procedendo a suprimir a atención presencial e a carteira de servizos en boa parte dos centros médicos da Galiza, cunha significada mingua da calidade asistencial para os usuarios. Neste sentido, unha parte importante dos colectivos en defensa da sanidade pública temen que o Executivo galego tente aproveitar a pandemia para un retallo nos servizos dos centros de saúde e para avanzar no seu plan de concentración dos servizos médicos nos grandes núcleos urbanos. A resposta social, con mobilizacións en diversas localidades galegas, é un síntoma do malestar popular con esta decisión da Xunta.

O desmantelamento da sanidade pública

A mobilización social contra a política sanitaria da Xunta da Galiza vén de tomar tamén as rúas de Verín. Neste caso, para rexeitar o expediente aberto pola Xunta a Javier Castrillo, xefe do servizo de Xinecoloxía do centro, que simboliza a oposición á tentativa de fechamento do paritorio de Verín en 2019 e a loita contra a centralización  da  atención hospitalaria nas cidades. Alén do resultado final do procedemento, dirixido a meter medo e amordazar as críticas dos sanitarios á xestión da Xunta, as entidades sanitarias dan por feito que Feixoo vai aproveitar a súa última lexislatura para tentar levar adiante a proposta de desmantelamento dos hospitais comarcais, iniciada na pasada lexislatura, coa supresión das areas sanitarias da Mariña, O Barco, Monforte de Lemos ou Verín.

A crise económica déixase notar con particular dureza na Galiza. A este respecto, son claros os últimos datos de desemprego coñecidos, referentes ao mes de novembro, onde o paro no país aumenta o 3,40%, fronte a 0,66% do total estatal, concentrándose na Galiza o 24,4% dos novos desempregados do Estado español. Ao tempo, o 45% dos 187.472 parados galegos carecen dunha prestación contributiva, sen que por parte da Xunta haxa en marcha ningún programa que mellore a cobertura social, nun contexto de aumento da desigualdade. 

Sen ir máis lonxe, as rendas do traballo representan na Galiza, a 31 decembro de 2019, o 44,1% do Produto Interior Bruto (PIB), practicamente catro puntos menos que en 2009, ano da chegada á presidencia do Goberno galego de Núñez Feixoo.

Queres saber máis? Atoparás o artigo ao completo no Nós Diario de hoxe, dispoñíbel nos quiosques e na nosa loxa online. Evita sorpresas negativas e consigue o xornal todos os días facendo a subscrición xa mesmo!

comentarios