Cayo Lara reférese a AGE como a confluencia de "federalistas españois e nacionalistas galegos"

O coordinador federal de IU afirma nunha entrevista na Radio Galega que aposta por manter a alianza “co señor Beiras por moito tempo” e que “en Galiza podemos ser a segunda forza”. Lara ve en AGE a confluencia dos "federalistas españois" cos "nacionalistas galegos"

Cayo Lara
photo_camera Cayo Lara

O coordinador federal de Izquierda Unida, Cayo Lara, estivo nas mañás de Galicia por Diante,da Radio Galega, onde nunha entrevista abordou diversas cuestións de actualidade. Entre elas, a alianza con Anova. A este respecto, Lara indicou que “Beiras é unha persoa entrañábel de corazón galeguista. O nacionalismo entendeu que o inimigo traspasa fronteiras”

“Beiras é unha persoa entrañable de corazón galeguista. O nacionalismo entendeu que o inimigo traspasa fronteiras”

Así, para o coordinador de IU, as políticas do PP “non miran se o traballador fala unha lingua ou outra”, e benefician ao empresariado “fale unha lingua ou outra”. Lara avogou por manter a unidade coa formación “do señor Beiras por moito tempo”. E iso por, apuntou, ser unha fórmula feita de abaixo arriba e que tivo votos “non só de federalistas españois e nacionalistas galegos, senón de moita xente”.

Abertura ao BNG?

Na mesma entrevista, aliás, mostrou a súa confianza de que AGE vai se consolidar como segunda forza de Galiza, porque o pobo o quere". E a respecto da cita dos comicios europeos,se ben indicou que aínda non hai nada falado, mostrouse partidario de unir sinerxias entre liñas “anticapitalistas” para facer fronte ao modelo liberal. Preguntado polo xornalista se o BNG tería cabida nesa aposta, Lara non concretou, mais indicou que “seguimos abertos” a máis forzas.

O responsábel de Izquierda Unida tamén abordou cuestións como o contrato único que se propón desde Bruxelas para o mercado laboral español, sinalando que "o que se pretende é reducir todas as proteccións cada vez máis débiles que teñen os contratos indefinidos". Tamén apuntou que "a xente ten o costume de comer todos os días... O Goberno quere un exército de parados que se entregue á miseria".

Comentarios