Causa Galiza: "Beiras díxonos que nos quería no proceso do NPC para lexitimalo desde a esquerda e o soberanismo"

 
Causa Galiza explica os por ques da súa baixa no proceso de constitución de Anova e aborda as potencialidades dun escenario nacionalista que, en grande parte, fai do soberanismo un aspecto fulcral do seu discurso, avogando porque esa aposta teórica se convirta en praxe

A renuncia de Causa Galiza a asistir á asemblea constituínte de Anova, despois de meses de participaren nas asembleas e debates comarcais sobre o novo proxecto, marcou un punto de inflexión na reconfiguración do mapa dunha parte do nacionalismo galego, nomeadamente no que callou en Anova-Irmandade Nacionalista, en cuxo proceso de desenvolvemento a plataforma soberanista se volcou nestes meses para, a escasas 48 horas da asembla constituínte, desligarse. Unha decisión, recoñecen os voceiros de CG, Aurelio Lópes e Xosé Antón González Muros, adoptada ao comprobar que se estaba a dar unha política de feitos consumados por parte do que califican de 'sanadrín irmandiño' (no que inclúen a López Rico, Luis Eyré, Antonio Araúxo e Carlos Méixome) que non era o que, apuntan, as bases estaban a debater e analizar nas comarcas.

"Houbo unha serie de xente, que nós denominamos sanedrín irmandiño, que desde un primeiro momento tiña vontade de confluir, de costas ás bases, con Compromiso por Galicia"

"Beiras díxonos, na propia Reboraina, que Causa Galiza estaba no proxecto do NPC porque o lexitimaba desde a esquerda e o soberanismo", sinalan os voceiros da plataforma. Unha afirmación que desde GC interpretan, unha vez pasado o que pasou, que foi desmentida polos feitos: "Houbo unha serie de xente, que nós denominamos sanedrín irmandiño, que desde un primeiro momento tiña vontade de confluir con Compromiso por Galicia". Algo que se facía, consideran, "de costas ás bases" e sen informalas dos contactos e negociacións que se viñan mantendo entre ambos proxectos ("Beiras vén de recoñecer públicamente que en todo este tempo houbo contactos, e diso nunca se dixo nada ás e aos participantes no proceso, o que entendemos unha deslealdade").

Marxina(liza)ción

Mais a pinga que colmou o vaso foi, indican desde Causa Galiza, o acontecido coa candidatura para a Coordinadora Nacional do proxecto resultante do NPC. "Creouse unha comisión encargada de eleborar a lista tendo en conta criterios territoriais, de sensibilidade ideolóxica... E esa comisión reuniuse fóra de prazo para vir o 'sanedrín' a presentarnos unha lista xa con nomes, pechada e non negociábel en plan "lo tomas o lo dejas". E todo isto a tres horas de finalizar o prazo de inscrición na asemblea constituínte". Para CG existíu unha 'cociña' de pactos que procuraban unha nova organizacón a medida "e na que a nós queríannos minorizados e marxinalizados".

Ante este escenario, sinalan desde Causa Galiza, "optamos por non lexitimar ese proceso coa nosa presenza e participación". CG incide en que na asemblea constituínte houbo un 45% dos e das asistentes que votaron en contra da lista oficial "que levaron desde a comisión de listas". Mais esa proposta para a Coordinadora saiu igualmente adiante na súa totalidade. Lópes e González, porén, queren diferenciar entre a cúpula da organización (con ese 'sanedrín irmandiño' que consideran que xogou con CG para procurar unha lexitimidade no independentismo) e as bases que participan no proceso. "Nas asembleas comarcais houbo moi boa sintonía e moita coincidencia. De feito nos textos recóllense moitas das nosas achegas e propostas". Por iso, Causa Galiza quere dar ánimos "a ese sector independentista que queda en Anova e dí que vai dar alí a batalla".

Soberanismo

No que atinxe ao escanario actual do soberanismo, CG parabenízase de que "unha parte significativa das organizacións nacionalistas avogen claramente polo soberanismo". Causa Galiza lembra que levan desde 2007 defendendo que a vía autonómica está esgotada, "e iso é asumido claramente agora", o que abre, ao seu entdender, as portas para "en base ao traballo en común entre tod@s, á disposición a iso, ao contacto co pobo, ir creando, no día a día, a República Galega".

"Seguir a apostar pola vía autonómica é apostar por xestionar a miseria"

Para Aurélio Lópes e Xosé Antón González a actual crise amosa que hai necesidade de dar respostas concretas de facer fronte a unha situación que indica ás claras a ausencia de poder de soberanía do pobo e das nacións fronte aos mercados e institucións. "Seguir a apostar pola vía autonómica é apostar por xestionar a miseria". Unha outra alternativa non é algo utópico, afirman, e neste sentido inciden en que o sindicalismo nacionalista "está a facer un gran traballo", algo que, consideran, "non ten correlación no campo político, e iso é algo que demebos procurar".

Denominador común

Causa Galiza resume en tres puntos as súa propostas ao resto de organizacións soberanistas: Fixar un denominador común ("asumindo a soberanía política e económica da Galiza, non só como discurso, senón como praxe"), dotar a ese denominador de contidos ("facer un programa con medidas concretas que partan de rexeitar todas estas imposicións e axustes de España e a Troika") e avogar por fórmulas organizativas de coincidencia.

Manifestación

Causa Galiza manifestarase o 25 de xullo, con saída ás 13:00 horas desde a Alemeda de Compostela. A principios de xullo fixeron un convite aberto a todo o soberanismo a participar e unirse na organización da mobilziación, "Falamos con todas as organizacións independentistas e soberanistas. Non tivemos resposta. Nós fixemos os deberes".


Comentarios