Causa Galiza traballa nun ‘plano B’ para o 25X ao se desbotar a manifestación unitaria

A proposta dunha mobilización unitaria no Día da Patria non atopou receptividade en boa parte dos axentes políticos, sindicais e xuvenís interpelados.

Causa Galiza. Día da Patria Galega 2017
photo_camera Causa Galiza. Día da Patria Galega 2017

Causa Galiza dirixiuse a semana pasada a máis dunha vintena de organizacións políticas, sindicais e xuvenís para convidalos a manter unha xuntanza na que valorar a convocatoria dunha manifestación unitaria no Día da Patria Galega, unha mobilización que decorrería, indican, en chave “de ruptura democrática e independencia”. Á xuntanza, que decorreu esta fin de semana nun centro social de Compostela, só asistiron seis desas organización. “A recetividade final da iniciativa e as posiçons expostas polos agentes que participárom na reuniom exploratória fam com que a materializaçom da proposta de Causa Galiza fique desbotada”, explica CG nun comunicado.

Porén, a propia organización independentista incide en que avaliará as posibilidades para que o 25 de xullo haxa unha manifestación independentista pola ruptura democrática. Fontes de Causa Galiza lamentan que se manteñan as visións e apostas por facer do 25X un escenario “de concorrencia de proxectos partidarios” e non se logre unha “unidade popular nacional”. "Desde a admissom da modéstia das nossas capacidades, interpretamos que a indisposiçom da maioria dos agentes a materializarem esta convergência pontual no dia nacional [...] revela, mais umha vez, o vigor que sustentam os respetivos encasilhamentos partidários, o peso determinante da perspetiva eleitoral e institucional e, também, a inassunçom de que o binómio entre rutura democrática e independentismo".

Comentarios