NACIONALISMO

Causa Galiza fai achegas ''para a liberación nacional e social'' a un NPC que ''olla criticamente''

A formación soberanista secunda a idea para chegar a acordos ''desde as bases'' e presenta un documento con dez achegas que pasan polo necesario recoñecemento de que Galiza é unha nación e que debe camiñar cara á "liberación" política e económica
Acto polos mártires de Carral
photo_camera Acto de Causa Galiza polos mártires de Carral

"De abaixo a arriba". Así debe construírse o novo proxecto nacionalista segundo demandan as ducias de asembleas que nas últimas semanas se foron realizando no país e segundo reclamou aínda nestes días o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras. Os documentos presentados polas distintas organizacións con que EI mantén contactos --Máis Galiza, Acción Galega e Ecogaleguistas-- non saen adiante, e o único que se aproba por unanimidade nestas xuntanzas é a necesidade de que os acordos se presenten desde a base.

Hai unha segunda cuestión que tamén se ten acordado nas asembleas, trátase da posibilidade de que os colectivos que forman parte das negociacións presenten as súas achegas para que sexan debatidas nas xuntanzas. Causa Galiza escoitou a chamada. Nun documento que presentarán nas vindeiras asembleas, a plataforma soberanista "olla criticamente" o desenvolvemento do NPC --Novo Proxecto Común-- e advirte que "a vocación electoralista e institucionalista de curto alcance de certos sectores autonomistas e soberanistas que concorren na súa xestación ameaza con frustrar a posibilidade de construír a alternativa estratéxica que necesita o país".


Causa Galiza ''olla críticamente'' o desenvolvemento do Novo Proxecto Común 

No escrito, súmanse ás críticas de que determinados sectores "pretenden usurpar desde arriba o poder decisorio das asembleas nacionalistas de base e reeditar a vella estratexia autonomista". Por isto, apelan á militancia para que tome parte "activamente" nas xuntanzas "para evitar a construción do proceso desde arriba". Segundo Causa Galiza, a estratexia de amplos sectores do nacionalismo galego que se fundamentaba na posibilidade de ir alargando paulatinamente o teito das competencias nunha sorte de soberanismo progresivo "delatouse como unha quimeira inviábel".

Sintetizan en dez puntos as bases que o NPC debe cumprir. Así, escriben que "debe definirse pola asunción inequívoca do carácter nacional da Galiza e pola reivindicación do dereito de autodeterminación como instrumento para avanzar na independencia", recolle o documento que a organización soberanista presentará para debater nas asembleas. E é que, segundo alertan, o Estado español "xa non é que vulnere o dereito de autodeterminación senón que destrúe o Estado das Autonomías" baixo a coartada da crise económica. Toca, polo tanto e a xuízo de Causa Galiza, "avanzar cara a defensa dos intereses da maioría social galega", citando entre eles de maneira específica a "hexemonía social" da lingua galega, o feminismo e a defensa da Terra.

Identifícanse co modelo promovido desde a "extinta AN-PG", ao "desbotar" a constitución dunha nova plataforma de pequenos partidos que "non responde a necesidades sociais obxectivas" e que "no noso contexto se traduciría nun pulso pola hexemonía interna". A formación soberanista, que alén de participar nas asembleas do NPC busca tamén canles de comunicación dentro do BNG e abriu tamén conversas co MGS --Movemento Galego ao Socialismo-- e coa UPG --Unión do Pobo Galego--, chama a colocar "a estratexia política" por riba de intereses "minifundistas".

Máis en POLÍTICA
Comentarios