Causa Galiza chama ao soberanismo a acadar unha convocatoria unitaria para o 25 de xullo

A Iniciativa Popular pola Autodeterminación renuncia 'motu proprio' a convocar, como viña facendo desde 2007, a súa propia manifestación para favorecer un acordo de todo o soberanismo para un acto unitario no Día da Patria
Compaecencia de Causa Galiza
photo_camera Compaecencia de Causa Galiza

Causa Galiza avoga porque este 25 de xullo haxa un acto unitario de todo o tecido soberanista e independentista, por riba de diferencias ideolóxicas e organizativas, co gallo do Día da Patria. Neste sentido, a Iniciativa Popular pola Autodeterminación aposta por un "formato común de convocatoria", motivo polo cal Causa Galiza renuncia por propia vontade a convocar a súa propia manifestación para o 25 de xullo, procurando desta forma facilitar un acordo entre o sobranismo.

 A portavoz nacional desta Iniciativa Popular pola Autodeterminación, Lupe Bouzón, deu leitura a un comunicado nun acto público no que estivo apoiada por diferentes rostros e nomes do tecido sobranista.

Insuficiencia do marco autonómico

Alén de denunciar "a insuficiencia do marco autonómico para defender os intereses da nación e da maioría social galegas, e reivindicar un novo marco democrático de soberanía política para a Galiza", Lupe Bouzón transmitiu as dúas mensaxes que Causa Galiza quixo trasladar de cara ao vindeiro Día da Patria: "A necesidade de alcanzar unha convocatoria única por parte de todos os sectores sociais, sindicais e políticos que se definen soberanistas e independentistas" e a demanda a eses sectores "a procurar dun formato común de convocatoria que posibilite que @s soberanistas e independentistas galeg@s podan mobilizarse baixo unha única bandeira no próximo 25 de xullo".

Comentarios