Contactos nacionalistas

Causa Galiza abrirá unha liña de diálogo con MGS e UPG

A formación soberanista non deixa de participar nas asembleas do NPC mais busca tamén canles de comunicación co Bloque

Causa Galiza, no 25 de xullo
photo_camera Causa Galiza, no 25 de xullo

A última xuntanza da Comisión Técnica de Causa Galiza debateu a posición organizativa ante os procesos que se están a vivir no nacionalismo galego e acordou percorrer varias liñas de diálogo con outras formacións, unha a xa anunciada segundo a cal participarán das asembleas do denominado Novo Proxecto Común que reúne a diversos grupos, a maioría escindidos do Bloque, pero tamén, segundo puido saber Sermos, Causa Galiza decidiu abrir conversas con algunhas das correntes do BNG, en principio co Movemento Galego ao Socialismo e a Unión do Pobo Galego.

A intención de Causa Galiza é coñecer a disposición destes grupos do BNG, que suman maioría no Consello Nacional, a sumar forzas no camiño da autodeterminación. “Non somos alleos á relevancia de determinadas ideas aprobadas na Ponencia Política da última asemblea do Bloque, que trazan un rumbo de soberanía no que podemos coincidir. Agora pretendemos coñecer até que punto esa aposta é honesta e podería servir para alcanzarmos acordos”, sinalan fontes de Causa Galiza. “O MGS vén de facer recentemente un chamamento ao soberanismo que está fóra do BNG e nós vemos lóxico e construtivo recoller esa luva e comezar un diálogo”, engaden.

Malia abriren outras frontes, Causa Galiza mantén activa a súa posíbel actividade dentro do chamado Novo Proxecto Común e, de feito, participa nalgunhas das asembleas que con este fin se están convocando por todo o país buscando a súa clarificación, ou pluralidade, en termos soberanistas. Fontes de Causa Galiza recoñecen que “a boa disposición de sectores do Encontro Irmandiño e até algúns das mocidades de Máis Galiza contrasta co veto contra organizacións do noso ideario que defenden abertamente desde arriba, sen pasar polas asembleas, outros actores do NPC”.

Comentarios