Causa Galiza abre accións xudiciais contra o ABC por facela parte de Resistencia Galega

A plataforma informa que iniciará accións legais contra o medio español que, “utilizando a intoxicación informativa, se coloca ao servizo dun novo deseño represivo contra o independentismo”

Causa galiza
photo_camera Causa galiza

O diario español ABC publicaba hai uns días unha extensa noticia a dúas páxinas titulada 'Una vasta red de financiación, abogados y adiestramiento blinda Resistencia Galega'. En dita información, o xornal monárquico incluía un organigrama de elaboración propia sobre unha “rede de Resistencia Galega” na que se facía referencia a diferentes organizacións do independentismo, desde as de carácter político ao antirrepresivo ou mesmo de defensa ambiental ou cultural.

Unha desas entidades citadas no ABC é Causa Galiza. E a plataforma vén de emitir un comunicado no que anuncia que inicia “ accións legais contra o medio español que, utilizando a intoxicación informativa, se coloca ao servizo dun novo deseño represivo contra o independentismo que se argalla nos sumidoiros do Estado”

“Infundios”

No comunicado, CG reafirma que “somos independentistas e somos socialistas. Desenvolvemos a nosa actividade por vías exclusivamente pacíficas dentro da legalidade constitucional imposta, procurando sumar forzas nunha estratexia de liberación nacional e social para este país xunto aos sectores sociais e políticos dispostos a avanzar nesta dirección”.

Para Causa Galiza, a nova publicada por ABC “é un infundio típico da prensa española ao atribuírnos a integración en organigramas rumados á comisión de accións políticas ilegais. Nesta ocasión, o infundio, para alén das súas fasquías ridículas, é a expresión máis nítida de sectores do aparato do Estado que pretenden situar no ollo do furacán e, progresivamente, na ilegalidade, a acción organizada dos e das independentistas galegas”.

Firmeza e solidariedade

Malia esta estratexia mediática-represiva, desde Causa Galiza indican que “mantemos e manteremos intactos e inalterábeis os nosos compromisos e a nosa praxe, que son os de milleiros de independentistas galegas e galegos, coa loita diaria pola independencia nacional e o socialismo para Galiza e coa solidariedade con todas aquelas mulleres e homes que son represaliados por traballaren por estes obxectivos". 

Comentarios