Causa Galiza abandona o NPC a escasas horas da súa asemblea constituinte

A plataforma soberanista fala dun "sanedrín irmandiño" que tenta dirixir o proceso desde arriba e de que se traizoou o asemblearismo e a aposta soberanista de boa parte das bases
Compaecencia de Causa Galiza

Causa Galiza non estará presente na asemblea nacional constituínte que este sábado, 14 de xullo, terá lugar en Compostela. Unha decisión adoptada pola plataforma por entender que esta asemblea "non conta coas mínimas garantías democráticas esixíbeis".

Tras meses de debates e análises nas asembleas comarcais, que auguraban unha asemblea constituinte do NPC feita "desde a base", estes últimos días teñen sido de decepción para algunha das partes implicadas no proxecto, nomeadamente Causa Galiza, que da ilusión e participación para anunciar que abandona o Novo Proxecto Común e facer un chamamento aos soberanistas que tomaron parte en todo este proceso a seguir os seus pasos. 

O motivo último, que non único, desta decisión respondería ao feito de que, sinalan desde Causa Galiza, a Coordenadora Nacional fixo unha proposta pechada (que non se sometería a negociación nin debate) de nomes, unha listaxe "sectaria e feita desde arriba" e da que responsabilizan ao que califican de "sanedrín irmandiño" (no que citan a López Rico, Luis Eyré, Antonio Araúxo e Carlos Méixome). "Esta proposta supón a nosa exclusión prática do proceso a pesar de que apostamos por el contra vento e maré desde o momento cero".

Praxe dirixistas versus discurso asemblearista

Nun comunicado, Causa Galiza lamenta que este sector esté pilotando o proceso de constitución do NPC "desde arriba", afirmando que mesmo "argallando pactos na trastenda" e evidenciando, apuntan, a existencia dun ambismo entre discursos asemblearistas e horizontais e unha praxe dirixista.

Para a plataforma, é lamentábel que se esté "frustrando" un proxecto de confluencia nas comarcas de persoas de sensibilidades diferentes, mais unidas pola aposta por erguer un proxecto que supere a vía estatutaria, por mor dos "intereses e necesidades políticas de dirixentes que, unha vez máis, non están á altura do momento histórico".

Dúbidas non resoltas a respecto de Compromiso por Galicia

Causa Galiza considera, ademáis, que desde que botara a andar todo o proxecto, en febreiro, houbese partes que recusasen resolver o que califican dunha "incógnita fundamental" para a militancia, como era a posibilidade dunha alianzaelectoral , "e incluso unha confluenza político-organizativa", con Compromiso por Galicia. Neste sentido, CG sinala que embarcar a tanta xente na xestación dun proxecto político novo "cando se mantén unha ambigúedade calculada sobre un aspecto tan frulcral" supón unha "fraude á militancia"

Para Causa Galiza, unha entente NPC/CxG supón a "antítese do proxecto de liberación nacional e social que precisa Galiza".

Por todo iso, Causa Galiza "abandona o proceso constituínte do NPC e chama aos sectores de práctica soberanista e independentista real a desligarse do proceso". CG insiste na necesidade de "acumular forzas soberanistas e independentistas para construir un amplo e plural proxecto político para a liberación nacional e social da Galiza".

Comunicado, aquí

Comentarios