Catro impresións sobre a campaña

Non son unhas municipais calquera, primeiro porque estamos a apenas 6 meses das xerais e segundo porque o sistema de partidos está en crise. Hai moito en xogo, tamén o rol do nacionalismo galego no taboleiro político. Velaquí, a seguir, as catro chaves da campaña.

BNG POLITICA mitin
photo_camera Mitin do BNG nas Pontes

 
1.-O PAPEL DA GALIZA NO TABOLEIRO POLÍTICO.

Os estados maiores dos diversos actores políticos conciben estas eleccións como o que son, primarias das xerais. Iso significa que o discurso local está opacado polo xeral, polo global.

A cuestión chave aquí e agora, na Galiza, é se o xeral e o global é o marco español, estatal, ou se é o galego. A favor do primeiro reman as forzas políticas do bipartidismo estatal -PP e PSOE-, mas en boa medida tamén as mareas. Foi nese sentido moi significativo o mitin de Pablo Iglesias na Coruña. Certo é que falou de pór fin á hexemonía do PP na Galiza, mais o seu discurso foi basicamente o dun candidato á Moncloa, inclusive con apelos a mudar de gobernantes para que "a soberanía de España" non se puxese aos pés de Merkel. Si, pronunciou a palabra soberanía. Si, ligouna a España.

A favor do marco galego rema en solitario o batel do BNG. Daí a súa insistencia en que o proxecto nacional -galego- se defende concello a concello e en que as solucións "cantonalistas" non serven para un país sen soberanía (galega).

2.-TEST DE RESISTENCIA DO PPdeG.

A impresión xeral das e dos analistas políticos é que Galiza sería para o PP como Andalucía para o PSOE, isto é, un celeiro de votos inasequíbel ao desalento.

Mais esa impresión bate con algunha evidencia empírica, como o feito de que nas municipais de maio de 2014 o PP obtivese na Galiza o seu pior resultado histórico, por volta do 35% do voto. A  campaña, en todo caso, examina o PP e, de paso, examina Feijóo. De feito o presidente do PPdeG está a asumir todo o protagonismo, animado por uns inquéritos que, facendo abstracción das súas amizades perigosas (Marcial Dorado, Pachi Lucas), o continúan a colocar por cima do seu partido.

A principal variábel do test de resistencia do PPdeG ten a ver coa existencia no cenario dun novo actor: Ciudadanos, un novo peixe no caladoiro do centro dereita. A imprensa amiga do PPdeG (non así a imprensa española) está a facer todo o posíbel por opacar a formación de Rivera, en aberto contraste co despregamento a favor da marca de Pablo Iglesias. En todo caso, até os inquéritos do rotativo coruñés afín ao PP conceden a Ciudadanos a chave do goberno en María Pita.

4.-A RECOMPOSICIÓN DO ESPAZO DA SOCIALDEMOCRACIA ESTATAL NA GALIZA.

Agora que entramos nos minutos decisivos do partido están prohibidas as frivolidades e os gambeteos que poden levar a perder a bola nas zonas quentes do campo, así o ditaminou o coach Pablo Iglesias cando enviou aos vestiarios antes do previsto a Monedero, o virtuoso interior esquerda de Podemos. Dito en termos políticos: acabou o tempo de falar de rupturismo e de proceso constituínte e lancémonos a ocupar o espazo da socialdemocracia (véxase, se houber dúbidas, o dito polo líder podemita na Coruña).

Non haberá ruptura, portanto, senón neo-reformismo socialdemócrata no espazo estatal. Como se vai aplicar isto na Galiza? Aquí hai varias incógnitas que despexar, entre elas o papel que irán xogar nesta función Anova e Esquerda Unida. Yolanda Díaz chamou na Coruña sintomaticamente a criar unha Marea Galega. A converxencia entre AGE e Podemos, tal parece o proxecto de no mínimo Martiño Noriega e Yolanda Díaz. Pablo Iglesias talvez non o desbote, visto  que o aparecimento de Ciudadanos lle impide, como un corta-lumes, o acceso cara ás zonas máis tépedas do eleitorado.

Miniatura dupla municipais 2015En todo caso, de se abrir paso esta aposta socialdemócrata, o choque co titular deste produto no país, o PSdeG-PSOE, está servido.

4.-O COMBATE MEDIÁTICO.

A campaña non se explica sen a existencia dun factor relativamente novo na historia xornalística e política do país: o combate entre dous aparatos mediáticos se non antitéticos, si distintos. Por un lado, na banda galega, o complexo sabonita -LaVoz nas súas distintas versións, televisiva, dixital e impresa- e a CRTVG. Por outro, na banda española, as televisións privadas estatais e a súa formidábel capacidade para marcar axenda e para criar líderes do nada, velaí o aparecimento fulgurante de Iglesias primeiro e de Rivera despois.

Que acabará tendo máis peso? O complexo mediático que emite desde o país -entregado ás estratexias de Feijóo, nada dadivoso con Ciudadanos- ou o que o fai desde Madrid -máis complexo nas súas motivacións e cunha estratexia de reconfiguración do mapa político máis a medio/longo prazo? Habémolo ver o 24 de maio.

Catro impresións de campaña e unha pergunta: resistirá o espazo nacional galego a avalancha que vén desde a Meseta?

Este texto, con lixeiras modificacións na súa versión dixital, fai parte dunha dupla páxina sobre as municipais 2015 que aparece no número 145 do semanario Sermos Galiza, desde esta quinta feira 14 de maio nos quiosques e disponíbel aquí na nosa loxa.

Comentarios