“Catro de cada 10 contratos da Xunta son concedidos a dedo”

O PSdeG denuncia no Parlamento que a galega é a Administración que máis contrata “a dedo” no Estado. Pablo Arangüena alerta de que o abuso dos contratos directos sen publicidade “abre a porta á corrupción”.

Edificio central da Xunta en San Caetano, en Compostela.
photo_camera Edificio central da Xunta en San Caetano, en Compostela.

O portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do PSdeG no Parlamento galego, Pablo Arangüena, denunciou onte que a Xunta é a Administración que máis contrata “a dedo” no Estado. O deputado socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que sinalou que o abuso da contratación directa sen publicidade “abre unha porta evidente á discrecionalidade e, polo tanto, á corrupción”.

Arangüena apuntou que, segundo os últimos datos dispoñíbeis, o 39% dos contratos asinados polas Consellarías e entidades dependentes eran menores ou negociados, con ou sen publicidade. Subliñou que mentres, esta porcentaxe cae a 6,5% no Estado, en Aragón o 2,27, en Valencia o 5,28, nas deputacións supoñen 13,7 e nas entidades locais o 10,56%.

De acordo coa Xunta Consultiva de Contratación do Estado, a Xunta “segue a ser a administración autonómica que máis recorre á contratación directa no Estado”, porque adxudica case de catro de cada 10 euros a dedo, cos ditos contratos menores ou negociados. Denunciou o abuso desta modalidade de contratación, prevista para “necesidades de escasa contía e duración”, pero que na Administración autonómica galega está xeneralizada.

Este formato, dixo, impide o seu control e “incrementa aínda máis as facilidades para a corrupción”, sinaladamente cando “unha das súas fontes principais no noso país é o fraccionamento irregular de contratos”. Advertiu que para o Goberno galego “todo vale un euro menos de 40.000 nas obras e un euro menos de 15.000 nos subministros e servizos”, o que permite declaralos como contratos menores, salvando os controis mínimos.

Ademais, subliñou que o goberno galego elude facilitar os datos de contratación en tempo, ademais de que cando estes chegan non están desagregados, o que impide unha fiscalización correcta. De feito, apuntou que os últimos datos feitos públicos a comezos de 2022 corresponden aos anos 2019, 2020 e 2021, pero chegaron sen desagregar, o que evidencia “o ánimo expreso de non permitir que se fiscalice a súa xestión”.

Pola súa parte, director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jesús Oitavén, respondeu que a porcentaxe de contratación menor na Administración galega foi de 33% en 2021.

comentarios