Catro anos despois do accidente de Angrois, o Congreso aproba abrir unha comisión de investigación

O PP votou en contra da petición conxunta de En Marea e PSOE 

Congreso
photo_camera Congreso

Desta volta, foi a vencida. Catro anos despois do sinistro ferroviario no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, o Congreso español aprobou a toma en consideración dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois. Para chegar até aquí, as vítimas, principais impulsoras da loita por que houber unha investigación política sobre o sinistro, tiveron que soportar ver como se vetaban e rexeitaban en varias ocasións a petición dunha comisión. Desta vez saíu adiante. En Marea e PSOE chegaron a un “acordo de mínimos” que garantiase sacar adiante a proposta, para a que gozaban do apoio do grupo mixto, PNV ou Ciudadanos. Só o Partido Popular votou en contra, mais desta volta de pouco lle serviu.

Celso Delgado (PP) xustificou a postura popular apelando a que había en marcha unha investigación xudicial sobre o sinistro. Argumentou que o importante é “preservar a independencia xudicial”, dando a entender que unha investigación no Congreso batería con ese principio. O deputado galego mesmo afirmou “lamentar” o cambio de actitude dos socialistas, cuxo voto permitiu aprobar que haxa comisión.

O PSOE centraba boa parte das miradas. O seu posicionamento até o de agora impediu que noutros ocasións esta petición realizada no Congreso, quer BNG , quer En Marea; puidese saír adiante. Pilar Cancela afirmou desde o estrado da Cámara que "sentimos o atraso, pero camiñaremos xuntos". Parabenizou o “tesón” das vítimas e sinalou que as novidades, tanto xudiciais como da Axencia Ferroviaria Europa, xustifican que o PSOE apoie esta investigación.

Alexandra Fernández, de Unidos Podemos-En Marea- En Comú, agradeceu o apoio do PSOE, “despois de tres intentos”. Fernández agradeceu o traballo e teima das vítimas, que non abandonaron a loita e cando atoparon as portas fechadas do goberno español foron a Europa para seguir alí a procurar xustiza. A parlamentar de En Marea reprochou o PP que votase non a esta comisión e preguntouse se non haberá que “investigalos a vostedes” para saber por que se negan a esta investigación.

Reprochou ao PP non ter escoitado nin atendido a demanda das vítimas ao longo destes catro anos. “Tiveron que acudir a instancias europeas” debido ao bloqueo que existiu no Estado español. “Un bloqueo promovido polo Ministerio e polos responsábeis políticos: vetos, silenzos, investigacións non independentes e vostedes mirando cara outro lado”.

Comentarios