Catalunya e Euskadi levarán a LOMCE ao Constitucional mentres a Xunta cala e outorga

O goberno galego non ve polémica na aprobación da reforma educativa mentres a Generalitat e Lakua ameazan con recorrer perante o Tribunal Constitucional

 

O portavoz parlamentar d@s populares, Pedro Puy, asegurou esta segunda feira que as mudanzas introducidas pola LOMCE "procura o equilibrio" entre as linguas "cooficiais" nos territorios con lingua propia. Para Pedro Puy as disposicións recollidas no anteproxecto "afectan a un modelo lingüístico concreto" que di, "non é o galego" nin o de agora, nin o de antes --matizou-- polo que non considerou que a Xunta de Galiza tivese razón para se posicionar en contra da aprobación da lei. 

Pedro Puy asegurou que a LOMCE promove "o equilibrio" lingüístico e non afecta ao modelo galego

Segundo o voceiro popular a LOMCE diríxese a facer cumprir "algúns mandatos constitucionais" a respeito de modelos normalizadores que incumpren a Carta Magna como "se recolle en distintas sentenzas", afirmou. De maneira velada, o dirixente do Partido Popular bateu nas súas declaracións contra a política lingüística da Ganeralitat, malia non se referir directamente a ela. 

A Generalitat e o Goberno vasco acudirán aos tribunais se Wert non retira parte das disposicións da norma

Neste senso, ao contrario da actitude manifestada polo executivo de Núñez Feijóo os gobernos das nacións históricas manifestaron un enérxico rexeitamento á aprobación da reforma educativa da que din invade as competencias territoriais. 

Catalunya e Euskadi recorrerán ao Constitucional unha lei que din "invade as competencias" das nacións con lingua de seu

A Generalitat e Lakua aseguraron após coñecerse a tramitación da LOMCE que esgotarán todas as vías políticas para impedir que se aprobe o anteproxecto de lei deseñado por José Ignacio Wert. Porén, indicaron fontes dos dous executivos, se o Partido Popular teima en impor a súa maioría absoluta --como semella acontecerá-- recorrerán a norma perante o Tribunal Constitucional. Neste senso, o president catalán, Artur Mas insistiu en que o seu goberno actuará "até as últimas consecuencias" contra unha norma que di pretende rachar "a cohesión social". 

A reforma da lei educativa contou na Galiza cun amplo rexeitamento social e botou ás rúas á comunidade educativa nunha folga xeral masiva que contou cun seguimento de perto do 90%. 

Comentarios