Castela e León ve o "afán imperial típico do nacionalismo" na idea de que O Bierzo teña un vínculo coa Galiza

O vicepresidente da Junta manifestouse así esta quinta feira, após unha intervención no Consello de Goberno. Así, ve mal a iniciativa que o BNG pretende levar ao Parlamento galego a instancias de Coalición polo Bierzo.
O vicepresidente da Junta, Francisco Igea. (Foto: JCYL)
photo_camera O vicepresidente da Junta, Francisco Igea. (Foto: JCYL)

A Junta de Castela e León non está a favor de que O Bierzo deixe de estar dentro dese territorio para vencellarse a Galiza nin tampouco de que haxa unha unión maior, aínda manténdose no territorio. Esa é a conclusión que se extrae das declaracións do vicepresidente desta Administración, Francisco Igea, que hoxe destacou que ante eses "afáns imperialistas" a comunidade á que representa atende "á lei e ao ordenamento territorial".

Despois de participar no Consello de Goberno, Igea foi interrogado sobre a iniciativa que o Bloque vai levar ao Parlamento para abrir a posibilidade da conexión galego-berciana, demandada incluso por parte da cidadanía da zona.

No entanto, para o vicepresidente este é un "asunto típico de partidos nacionalistas". De feito, aludiu tanto á incorporación da comarca berciana ao país como que O Bierzo pase a ser unha provincia con independencia dentro da propia Castela e León.

"Esta comunidade atense á lei, ao que está na Constitución, ao ordenamento territorial e, sobre todo, ocúpase dunha cousa, que non son de afáns e ensoñacións nacionalistas ou imperiais senón das cousas do día a día, da saúde, da asistencia, o emprego, os planes territoriais, de fomentar as cousas pequenas", remarcou.

Así, lamentou que as e os nacionalistas estean moi ocupados "non seus soños imperiais e pouco ocupados nas realidades cidadás".

Malia este discurso, a iniciativa do BNG segue adiante e pedirase o apoio da Cámara galega para que O Bierzo sexa primeiro provincia, e logo podería avanzarse na cuestión de en que territorio debería estar. En principio só se trata de avanzar nesa vía de gañar ligazóns para dar lugar a un "diálogo" entre as institucións galegas e os colectivos do Bierzo coa meta de colaborar en diversas cuestións que teñen en común.

Desde o Bloque destácase que esta petición conta "cunha amplia base social", por xorde da "vontade do pobo berciano" como amosan algúns estudos e enquisas.

As responsábeis de presentar esta proposición non de lei serán a deputada do Bloque María González Albert e o secretario xeral de Coalición polo Bierzo, Iván Alonso, que reclamou que se "escoite a voz dos bercianos" e se atenda ese interese.

Comentarios