Case a metade das galegas e dos galegos estrean nova alcaldía tras o 24M

As eleccións municipais racharon un mapa político dominado polo PP, que sofre un forte retroceso nos concellos perdendo case un de cada catro consistorios. PSOE e BNG suman máis alcaldías que en 2011 pese a caer en votos. As Mareas gobernarán en nove concellos. 

Os resultados das eleccións do 24 de maio debuxaron un escenario aberto en decenas de concellos galegos. Este sábado confirmouse o cambio profundo do mapa municipal, dominado polo PP desde 2011. Máis de 1,3 millóns de galegos e galegas, case a metade da poboación do país, teñen hoxe unha nova persoa ao fronte da súa alcaldía.

O forte retroceso rexistrado polos populares nos comicios agravouse cos pactos posteriores entre as forzas da oposición, certificados este sábado de investiduras. As alianzas entre partidos da oposición arrebataron a alcaldía ao PP en 42 concellos onde tiña maioría relativa.

En total, os conservadores perderon 54 concellos, case un de cada catro consistorios onde gobernou durante a última lexislatura, mais continúan no poder en 159 alcaldías. O PP mantén preto da metade dos municipios do país, pero perde moito peso político nas cidades. A provincia de Ourense continúa como feudo conservador con 65 concellos.

O gran beneficiado da caída dos populares foi principalmente o PSOE, que aumentou en 34 alcaldías o seu poder, malia caer 23.000 votos nas municipais. Conseguiron un total de 94 alcaldías, superando aos populares en poboación baixo goberno socialista.

O PP perde 54 alcaldías respecto a 2011, 42 das cales por pactos entre a oposición.

Terá que facelo en moitos dos concellos en coalición co BNG e as Mareas, que tamén saíron reforzados dos comicios. Os nacionalistas gobernarán nunha trintena de municipios, mellorando os resultados de 2011 pese a perder miles de votos.

As candidaturas de unidade popular, máis coñecidas como Mareas, gobernarán en nove concellos, deles tres importantes cidades como A Coruña, Santiago e Ferrol.

Compromiso por Galicia obtivo catro alcaldías, mentres Terra Galega estará ao fronte de dous consistorios. Formacións independentes gañan tamén poder con unha ducia de alcaldías. Só faltan por coñecerse os resultados definitivos en catro concellos (Caldas de Reis, Lobios, Ordes e Tordoia), cuxos recontos están recorridos, e que previsiblemente pasarán a mans do PSOE, no caso de Caldas, e os tres restantes para o PP.

Comentarios