Casado di adeus a Cayetana un ano despois

Nomea Cuca Gamarra como portavoz do Congreso e Ana Pastor será vicesecretaria de Política Social.

Teodoro García, Cayetana Álvarez e Pablo Casado interviñeron polo PP e centraron en Venezuela a sesión (Imaxe: Eduardo Parra /Europa Press)
photo_camera Teodoro García, Cayetana Álvarez e Pablo Casado i(Imaxe: Eduardo Parra /Europa Press)

Cayetana Álvarez de Toledo xa non é portavoz parlamentar do PP. Só durou un ano no cargo, un tempo que investiu en ensarillarse múltiples polémicas e nun ton inflexíbel que a puxo contra o Goberno español, a esquerda, os soberanismos e incluso contra compañeiros e compañeiras do PP molestas co seu ton e o seu fondo. Na despedida tampouco calou: "Pablo Casado considera que a miña concepción da liberdade é incompatíbel coa súa autoridade".

O PP decidiu relevar Cayetana Álvarez de Toledo e nomeará no seu lugar a Cuca Gamarra, até agora vicesecretaria de Política Social do PP, ex alcaldesa de Logroño e con militancia no partido desde a súa mocidade. Nas primarias apoiou Soraya Sáenz de Santamaría.

Gamarra, á súa vez, será substituída como vicesecretaria de Política Social por Ana Pastor, a vicepresidenta do Congreso que xa exerceu como portavoz do Grupo Popular na Comisión de Reconstrución após o coronavirus.

Ademais, o presidente do PP decidiu promocionar ao alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida, outorgándolle o posto de portavoz nacional do Partido Popular.

Álvarez de Toledo, nacida en Madrid en 1974, foi a aposta de Pablo Casado para portavoz do Grupo Popular após as eleccións de abril de 2019, nas que foi cabeza de lista por Barcelona, renovou escano e cargo nos comicios de novembro pero agora, uns anos despois do seu nomeamento, foi relevada.

Diferentes medios de comunicación apontan a que o relevo de Cayetana é unha vitoria de Núñez Feixoo, do que destacan a súa escasa sintonía coa até dfe agora portavoz. 

Comentarios