Casado, visibelmente afectado, abandona o Congreso após a última intervención como líder do PP

O presidente do PP reúnese hoxe cos baróns territoriais, coa posíbel candidatura de Alberto Núñez Feixoo como principal incógnita.
Pablo Casado recibe o aplauso da bancada dos deputados populares. (Foto: Eduardo Parra/Europa Press)
photo_camera Pablo Casado recibe o aplauso da bancada dos deputados populares. (Foto: Eduardo Parra/Europa Press)

Faltaban só uns minutos para as 9 horas cando o aínda presidente do Partido Popular (PP), Pablo Casado, apareceu no corredoiro de entrada ao salón do Congreso dos Deputados, seguido dos membros do grupo parlamentario popular, que só unhas horas antes postuláranse a favor da convocatoria dun congreso nacional de urxencia para escoller unha nova presidencia da formación política.

Sen responder as preguntas dos medios de comunicación, Casado accedeu ao hemiciclo, no que hoxe decorre a sesión de control ao Goberno español. O líder da oposición foi o primeiro en intervir, nunha interpelación directa ao presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez.

O presidente do PP, que cuestionaba a Sánchez polos pactos do Goberno español coas forzas soberanistas, fixo un discurso no que se referiu ao "espazo de centralidade" que deberían ocupar PP e PSOE. Casado  concluíu afirmando que entende "a política desde a defensa dos máis nobres valores. Desde o respecto aos compañeiros e a entrega aos compañeros". Após a súa intervención, recibiu o aplauso unánime de toda a bancada do Partido Popular.

Tras a resposta do presidente do Goberno, que desexou o mellor no persoal a Casado "a pesar das discrepancias políticas", volveu afirmar que non convocará eleccións anticipadas e que agotará a lexislatura até o final. Despois da réplica, o dirixente do PP, visibelmente afectado, abandonou o hemiciclo, seguido dos vicesecretarios Pablo Montesinos e Ana Beltrán, únicos apoios públicos de Casado nas súas últimas horas á fronte dos populares.

Reunión cos presidentes territoriais

No día de onte, Pablo Casado citou para esta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto co resto de baróns populares nas diferentes autonomías, para intentar achegar posturas antes da Xunta Directiva Nacional que decorrerá na terza feira da vindeira semana.

O encontro terá lugar ás 20 horas, para permitir que todos os presidentes territoriais puidesen cumprir coas axendas institucionais antes de desprazarse a Madrid.

No encontro, ao que non acudirá a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, por non ser presidenta do Partido Popular de Madrid, Pablo Casado agarda poder achegar posturas cos dirixentes territoriais ante a convocatoria dun congreso nacional de urxencia no vindeiro mes de abril.

Tras a dimisión do secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, semella máis que probábel que Casado será o que dimita no día de hoxe tras a reunión, após de pactar unha "saída digna" cos baróns do PP.

Comentarios