Malestar en Lugo e Ourense con José Manuel Baltar e Elena Candia

A cartografía da conflitividade interna do Partido Popular

A marcha a Madrid de Alberto Núñez Feixoo deixou ao descuberto as costuras do Partido Popular na Galiza. A aparente cohesión interna da formación saltou polos aires cando tocou escoller o novo máximo responsábel do partido e da Xunta da Galiza. Alfonso Rueda ten por diante o labor de coser as feridas abertas no partido.

Manuel Baltar, Elena Candía, Alberto Núñez Feixoo, Miguel Tellado e Alfonso Rueda nun acto do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manuel Baltar, Elena Candía, Alberto Núñez Feixoo, Miguel Tellado e Alfonso Rueda nun acto do PP. (Foto: Europa Press)

O Partido Popular galego sangra por múltiples partes. Malia que atención mediática sobre a conflitividade interna está posta nos procesos de renovación orgánica nas cidades, con máis dunha candidatura para liderar o partido en localidades como Compostela -ao igual que xa aconteceu en Vigo-, a situación non é máis tranquila nos núcleos vilegos ou rurais. De feito, os recentes congresos provinciais decorridos no mes de setembro de 2021 xa deixaron ver as fendas abertas en diversas circunscricións.

Un caso paradigmático é o de Lugo, onde Elena Candia e José Manuel Balseiro levan anos disputándose o poder orgánico. Malia que Candia chegou en 2016 á presidencia do PP na circunscrición patrocinada por José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro, non tardaron en facerse evidentes as diferenzas. Un punto e á aparte neste proceso foi a exclusión de Balseiro da dirección da formación en Lugo no último congreso de setembro de 2021, véndose obrigada Candia posteriormente a integralo por decisión directa de Núñez Feixoo.

Candia contra Balseiro

O acordo entre Candia e Balseiro, fechado nunha reunión en Outeiro de Rei baixo a tutela de Feixoo e Tellado, non devolveu a paz ao partido. Unha e outro continúan pelexando polo control das agrupacións e das candidaturas de cara ás municipais, nunha carreira na que Balseiro, antigo delegado da Xunta en Lugo e actual parlamentario no Hórreo, leva vantaxe. Está por ver se a previsíbel integración de Candia no Goberno galego reforza a súa posición na circunscrición, porén os críticos coa súa xestión sinalan que uns malos resultados nas eleccións locais de 2023 apartaríana da Presidencia da formación.

Ourense, punto quente

Ourense é outro punto quente. Ao temor, cada día máis estendido entre a militancia popular, de perder o Goberno da Deputación en 2023, súmanse os problemas do seu presidente, José Manuel Baltar, cunha parte dos alcaldes da circunscrición. Estes rexedores critican o trato discriminatorio aos seus concellos por parte do Executivo da Deputación ourensá e acusan Baltar de favorecer só aqueles municipios presididos por persoas que, ao tempo, son deputados na corporación provincial. A este respecto, poñen como exemplo os investimentos recibidos polos seus concellos no Plan único da institución, nas súas palabras moi inferiores a aqueles municipios dirixidos polas persoas do círculo de confianza de Baltar.

A situación non é mellor na Coruña e Pontevedra. Nestes casos, como no resto das outras dúas circunscricións, o PP é cada día unha forza máis irrelevante nos espazos urbanos pero tamén con grandes dificultades nas áreas rurais. Nesa dialéctica interna tócalle a Rueda vestirse de bombeiro e tentar apagar os lumes que queiman por dentro a formación. Porén, boa parte da militancia critica a quen será o novo líder do PP galego a falla de man esquerda e, sobre todo, de autoridade para resolver esta situación.

Comentarios