AVIA VEIRA OCUPARÁ O ASENTO DO BNG EN MARÍA PITA

Carril non vai tomar posesión como concelleiro por “ética e responsabilidade”

Xosé Manuel Carril, número un da lista do BNG-AA no concello da Coruña, non tomará finalmente posesión da súa acta como concelleiro, segundo anunciou el propio durante a asemblea de valoración do 24M decorrida este serán no local coruñés dos sindicatos. O asento do BNG en María Pita vaino ocupar Avia Veira.

Asemblea Aberta
photo_camera Imaxe da asemblea [Foto: BNG]

Xa na mesma noite do 24M, após o BNG descer de 4 a 1 concelleiros, na contorna de Xosé Manuel Carril tíñase a case absoluta certeza de que o candidato nacionalista non chegaría a tomar posesión da acta.

O xesto de Carril concretizouse no serán desta quinta feira, no transcurso dunha concorrida asemblea aberta do BNG na que tomaron parte arredor de 200 persoas. O profesor de Dereito da UDC anunciou a militantes e simpatizantes do Bloque que non ocuparía o seu asento no salón de plenos de María Pita por “ética, por coherencia e por responsabilidade”, segundo reza a nota de imprensa enviada polo gabinete de comunicación do BNG coruñés.

O candidato transmitiu con grande emoción que vai continuar a defender o proxecto nacionalista do BNG por acreditar que é necesario para este país

O anuncio provocou unha fervenza de intervencións de militantes e simpatizantes nacionalistas na procura de que Carril reconsiderase a súa decisión, mais esta era irrevogábel. O candidato transmitiu con grande emoción que vai continuar a defender o proxecto nacionalista do BNG por acreditar que é necesario para este país e anunciou que o vai facer “na rúa e nas distintas loitas sociais”, segundo o comunicado de imprensa da organización frentista. A Asemblea Aberta non partilla a decisión de Carril, mais mostrou en todo momento o seu respeito perante a súa renuncia.

Renunciaron tamén a tomar posesión da súa acta como concelleiras María Xosé Bravo e Marisol Mirá -números 2 e 3 da candidatura, respectivamente-, polo que o asento do BNG en María Pita será ocupado por Avia Veira, quen figuraba na cuarta praza da lista.

Comentarios