Carolina Bescansa faise a un lado para non ter que tomar partido entre Iglesias e Errejón

A confluencia vive os seus momentos máis críticos, cun confronto aberto entre pablistas e errejonistas. A terceira vía de Carolina Bescansa faise a un lado. A politóloga compostelá non optará a ningún cargo en Vistalegre II.

Errejón, Pablo Iglesias, Carolina Bescansa. Vistalegre 1.
photo_camera Errejón, Iglesias e Bescansa, en Vistalegre I

O confronto interno en Podemos está servido. É un combate político aberto entre dous proxectos dificilmente conciliábeis, un que tería como obxectivo a curto prazo conquistar a hexemonía no espazo da esquerda (Iglesias) e outro que quer constituír un partido de "maiorías e de goberno" (Errejón).

Carolina Bescansa, secretaria de Análise Político e Social, cofundadora da organización, e Nacho Álvarez, responsábel de Economía da dirección, tentaron abrir unha vía alternativa que evitase o choque de trens entre pablistas e errejonistas e procurase unha síntese dos proxectos. Promoveron a iniciativa Pensando Vistalegre. Falaron cuns e con outros. O seu labor de mediación non deu froitos e, destarte, ambos asinaron esta quinta feira un comunicado en que anunciaban que non concorrerían a ningún cargo en Vistalegre II, que non farían parte de ningunha candidatura.

Aínda que nos últimos días Bescansa se situara nunha calculada equidistancia entre Iglesias e Errejón, en realidade comezou o proceso situada na órbita do secretario xeral, até o ponto de ter participado na elaboración do documento político de Podemos para Todas, a plataforma dos pablistas para o conclave dos días 10, 11 e 12 de febreiro.

Portanto, a dinámica destes días levou primeiro a Bescansa a se distanciar de Iglesias e segundo a decidir a vía do abandono ante a evidencia de que non era posíbel unha converxencia entre os dous pesos pesados da organización.

Bescansa e Álvarez acusan os "equipos máis fortes", en alusión ás candidaturas de Iglesias e Errejón, de "estaren axindo de costas á vontade de diálogo e acordo, vontade que é partillada pola grande maioría das persoas inscritas en Podemos". Iso explicaría por que "non podemos integrarnos en nengunha das listas que competirán pola dirección política da organización".

Desaparecen do taboleiro podemita? Non, máis ben, adoptan a actitude de agardar e ver como se desenvolven os acontecimentos: "Non queremos retroceder nen eludir a nosa responsabilidade. Sinxelamente cremos que seremos máis úteis traballando para a recuperación dos grandes debates políticos que fundaron Podemos, e para impulsar os acordos que terán que se producir após Vistalegre. Nestes momentos, iso só o poderemos conseguir dando un paso cara á marxe nesta escena"-

Tres candidaturas

En definitiva, en Vistalegre II confrontarán tres candidaturas: a encabezada por Pablo Iglesias, a liderada por Íñigo Errejón e a promovida por Anticapitalistas.

A candidatura oficial incorpora como número dous Irene Montero, chefe de gabinete de Iglesias, e o gurú dunha socialdemocracia digna de tal nome Viçenc Navarro como número tres. Mais tamén aparece Gloria Elizo, deputada e presidenta da polémica Comisión de Garantías que os errejonistas consideran entregada ao secretario xeral do partido.

Errejón irá, entre outros, con Rita Maestre, a candidata falida a líder madrileña do partido, o responsábel de Internacional Pablo Bustinduy e o xuíz Illanes. A lista de Anticapitalistas encabézaa o eurodeputado Miguel Urbán e canda el aparece a dirixente feminista Beatriz Gimeno.

457.796 persoas inscritas para votar

Vistalegre II ten dous momentos. O primeiro e decisivo é o período de votación telemática. Aí poden participar as persoas inscritas, neste momento perto de medio millón (457.796). Votarán as tres listas ao Consello Cidadán (con cadansúas ponencias) e a secretaría xeral, para a que concorren Pablo Iglesias (candidato das tres correntes) e o pouco coñecido deputado andaluz Juan Manuel Moreno Yagüe, activista do 15M.

O segundo momento é o plenario, que decorrerá os días 10, 11 e 12 deste mes no Palacio de Vistalegre.

As persoas inscritas poderán comezar a votar a partir deste sábado, 4 de febreiro. O período eleitoral conclúe o 11F. Os resultados coñeceranse o 12F.

Comentarios