Carmen Santos e Gómez-Reino perfílanse como aspirantes a dirixir Podemos Galicia

O partido morado —hexemónico no grupo parlamentar de En Marea no Pazo do Hórreo— vai renovar a súa secretaría xeral, tamén o seu máximo órgao entre asembleas, neste próximo mes de outubro. Carmen Santos e a súa equipa non revelaron se se apresentarán ou non á reelección, mais a actual líder galega afirma estar "moi ilusionada" ante "esta nova etapa". Mentres, desde o sector crítico, Antón Gómez-Reino deixa entrever que podería concorrer á carreira. O duelo entre ambos é o escenario máis probábel.

Podemos Galiza, con Carmen Santos, secretaria xeral
photo_camera Imaxe de integrantes do Consello Cidadá Autonómico, entre eles Carmen Santos

Tamén desde o sector crítico se ten exteriorizado satisfacción pola abertura dun proceso interno de remuda da lideranza na organización morada. Tamén con cautela, sen que ninguén se teña postulado en público polo de agora, aínda que Antón Gómez-Reino, deputado no Congreso e persoa moi próxima a Pablo Iglesias, deixa entrever nun chío que podería optar á secretaría xeral ao falar de que o seu compromiso coa organización, no marco dun "reto colectivo", é tamén "individual".

Gómez-Reino xa fixo rular o cancelo #TecerGalicia nun tuit en que cualifica a convocatoria das primarias como "unha boa, necesaria e demandada nova". O parlamentar chama a pór "toda a enerxía" na consecución dun Podemos que na Galiza debe estar "unido" e "aberto á sociedade".

 

Se Gómez Reino fala de "compromiso individual", Carmen Santos manifesta que ela e a súa equipa se achan "ilusionadas nesta nova etapa", o que parece indicar a súa intención de continuar na ponte de mando.

 

A III Asemblea Cidadá —o foro en que cristalizará a renovación da dirección— foi convocada o pasado domingo polo Consello Cidadán Autonómico e nela terán dereito a participar as 11 mil persoas inscritas na formación morada (segundo os dados oficiais). O prazo para a presentación das candidaturas é do 8 ao 12 de outubro. As votacións, entre 18 e 24. O 25 a organización dará a coñecer os resultados.

Nas últimas primarias, abril de 2016, Carmen Santos impúxose á representante do sector errejonista Ángela Rodríguez Pam, deputada no Congreso, e ao secretario xeral saínte, Breogán Riobóo.

Comentarios