Carmen Iglesias pediu a adscrición a AGE: ''eu non son unha tránsfuga''

A candidata número dous por Ourense na listaxe que a coligación de Anova e EU presentou ao Parlamento galego encetou este 9 de decembro a tramitación da súa acta de deputada e o 16 toma posesión do cargo.

sueiro
photo_camera [Imaxe: Xoan Rey]


A candidata número dous por Ourense na listaxe eleitoral con que AGE se presentou ao Parlamento galego, Carmen Iglesias Sueiro, solicitou a adscrición ao grupo desta coligación na Cámara. Na documentación que preencheu este 9 de decembro e que entregará o día 13 "puxen AGE e entre paréntese EU" na caixa correspondente á formación política da cal quere facer parte na Cámara galega.

En conversa con Sermos Galiza o mesmo día en que encetou a tramitación da súa acta de deputada, Iglesias Sueiro recoñeceu que as declaracións realizadas por ela propia cando David Fernández Calviño comunicou a renuncia ao escano fixeron pensar que desenvolvería a súa actividade parlamentar como deputada non adscrita. Porén, desménteo: "pensouno moita xente, pero eu non son unha tránsfuga".

Desde que Carmen Iglesias entregue os escritos que lle solicitaron, na sexta feira 13, o voceiro do grupo parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras, disporá de cinco días hábiles para se pronunciar sobre se a ourensá senta ou non nas bancadas da coligación. "Ao mellor non é a opción persoal que máis me presta pero é a que debo escoller, por coherencia e porque as ideas de AGE son as que defendín na campaña eleitoral e son as que vou defender no Parlamento porque son as miñas".

Prometerá o cargo o 16 de decembro

Iglesias Sueiro destacou o "moi bo ambiente" que percibiu nesta visita á Cámara galega, a segunda que realiza. Así, a primeira vez que pisou o Parlamento foi só até a tribuna de convidad@s e foi en calidade de activista feminista, facendo parte dunha acción reivindicativa da Marcha Mundial das Mulleres. Xustamente no eido do feminismo e da equidade de xénero é onde considera que pode desenvolver mellor a súa actividade. "Tamén no ensino" porque "eu veño da rúa". 

Carmen Iglesias tomará posesión do cargo no pleno da segunda feira 16 en contra do criterio da organización política en que milita, EU. A súa líder, Yolanda Díaz, pediulle que deixase correr a listaxe un posto para que o escano fose para Iolanda Docampo, número tres por Ourense e segunda candidata de Anova despois de Fernández Calviño, para manter así o equilibrio parlamentar con catro deputad@s para Anova e cinco para EU. Porén, a ourensá declinou tal exixencia e manifestou sempre a súa intención de entrar no Hórreo, embora fose como única integrante dun grupo mixto. 

Comentarios