Carmen Iglesias: ''As declaracións de Yolanda Díaz, esas ameazas, parécenme lamentábeis''

A candidata nº2 por Ourense na coligación AGE valorou desta maneira as palabras da coordenadora xeral de EU en que advertía de que "o que Carmiña vai vivir no Parlamento vai ser moi duro".

carmen
photo_camera Carmen Iglesias [Imaxe cedida]


De "ameazas" e de "lamentábeis" cualificou Carmen Iglesias Sueiro, nº2 de AGE por Ourense, as declaracións da coordenadora xeral de EU, Yolanda Díaz, realizadas durante unha entrevista na radio pública española.

Dixo Díaz que "o que Carmiña vai vivir no Parlamento vai ser moi duro" e que gostaría de que a súa compañeira de militancia "recapacitase" a respeito da decisión de non entregar a acta de deputada no Parlamento galego. "Eu son unha muller moi terca, no persoal e no político", enfatizou a dirixente de EU, para concluír que "nin á persoa con quen peor relación tivese lle desexo o que vai vivir".

A respeito desa entrevista, realizada por RNE-Galiza, pronunciouse en conversa con Sermos Galiza Carmen Iglesias: "as declaracións de Yolanda Díaz, esas ameaza, parécenme lamentábeis. Só iso". A nº2 de AGE por Ourense foi suspendida de militancia en EU de maneira temporal.

Calviño, desde Dinamarca: ''O que vivín co escano é de prensa rosa"

Da lea polo escano na Cámara galega falou tamén o deputado David Fernández Calviño (Anova), que deixará a súa acta a finais deste mes. Desde Copenhague, onde xa está incorporado ao seu grupo de investigación, sinalou que todo o asunto lle parecía "un programa de imprensa rosa".

Calviño, cuxa saída do Parlamento deixa Anova unicamente con tres representantes na coligación AGE, falou para o portal de ciencia galega GCiencia, que vén de encetar a súa andaina. Cualificou de "absurda" unha situación en que "os problemas do País dependían de se eu estaba unha semana ou dúas". Con todo, concluíu sinalando que "é o que hai". 

Comentarios