Carmela Silva non descarta optar á Secretaría Xeral do PSdeG

A presidenta da Deputación de Pontevedra xa se destacara como candidata do PSdeG á Xunta e este domingo volveu facelo. Porén, deixou a porta aberta a optar á Secretaría Xeral da formación socialdemócrata.

[Imaxe: PSOE] Carmela Silva
photo_camera [Imaxe: PSOE] Carmela Silva

 Nunha entrevista concedido a Radio Galicia-Cadena Ser, Carmela Silva reiterou que non aspirará a liderar a lista do PSdeG á presidencia da Xunta, “Carmela Silva anunciou con toda claridade cando era un dos nomes que se daban que hai que ser moi serios e eu quero ser moi seria. Eu adquirín un compromiso coa provincia de Pontevedra e dixen que non era serio deixar o traballo estancado e paralizado. Por iso pensei que non debía dar un paso adiante”.

A rotundidade coa que se descartou para encabezar a formación socialdemócrata ás eleccións galegas nada tivo a ver coa resposta que deu cando a xornalista lle preguntou se aspiraría a ocupar a secretaría xeral do PSdeG. “Non estamos agora nese proceso e adiantar posicións non é o acaído. Eu estou centrada na deputación e politicamente no que se refire ao proxecto do PSdeG en lograr que o 100% do PSOE se una nun proxecto común que nos permita ser críbeis”.

"O máis urxente dentro do PSdeG é lograr unha converxencia no partido"

Nesta liña, apuntou que as primarias no PSdeG “non son o máis importante agora”. “O máis urxente dentro do PSdeG é lograr unha converxencia no partido para que os galegos saiban que teñen un proxecto alternativo á dereita”.

A respeito dun adianto electoral en Galiza, apuntou que “somos un partido centenario cun altísimo nivel político. Se iso ocorrese de forma inmediata, en dez días seriamos quen de resolver a situación sen ningunha dúbida”, afirmou sobre a falta de candidato ou candidata.

Aliás, acusou Alberto Núñez Feijóo de “non crer en Galiza”, de estar “aburrido” e de querer irse do país. “Obrigárono a quedar, a min iso é o que me preocupa, romper con ese modelo de parálise no que leva estes anos”, engadiu.

Comentarios