Carmen I. Sueiro: ''Non vou renunciar á acta que me corresponde''

A candidata número dous de AGE por Ourense fala sen pelos na lingua sobre o conflito interno que atravesa a coligación, da cal fan parte Anova e EU. A causa da tirapuxa é un escano no Parlamento galego.

carme_dentro
photo_camera [Imaxe cedida por Carme I. Sueiro]


Como lle chega a noticia de que David Fernández Calviño quería deixar o escano?

Pois chegoume unha segunda feira á noite, a través dunha compañeira da Executiva que está tamén no Consello político nacional. Veu á miña casa e comentoumo. Quedei asombrada pola noticia e pedinlles que me desen até o día seguinte. 

Coñecía o acordo entre Anova e EU para garantir o equilibrio da coligación?

Iso din nos medios os órganos de poder. O que me di esta compañeira é que se vai correr a lista e que vai entrar a número tres porque temos que respectar ese acordo que hai pola correlación de forzas, que se falla un deputado ou deputada entra o seguinte da respectiva organización.

Eu non souben dese acordo en ningún momento. Nin eu nin a militancia. Agora si hai un acordo, mais ten data: o 25 de outubro de 2013. Supoño que o fixeron de urxencia, mais debera aplicarse no sucesivo, porque as cousas retroactivamente non se poden aplicar.

"A miña filla, que está en Alemaña, foi quen me dixo que a imprensa publicaba a miña renuncia ao escano. Díxenlle: desmínteo!"

Púxose en contacto con vostede Yolanda Díaz?

Con Yolanda falei ao día seguinte. Chameina eu. Estaba ocupada e despois chamoume ela. Díxenlle: "mira, non sei se renunciar ao escano..." Ese foi o único contacto que tiven con Yolanda, con Y.

Tivo logo contacto con Iolanda (Pérez Docampo, a número tres da lista e membro de Anova)?

(ri) Non, non. Vouche seguir contando. Ao día seguinte fun traballar e tiña unha xuntanza. A miña filla, que está en Alemaña, chamoume dúas veces. Cando consigo falar con ela dime que leu na imprensa en internet a miña renuncia ao escano. Quedei sembrada! O primeiro que lle dixen foi: "desmínteo!" E empezou o lío. Así chegamos á situación actual.

Cal é esa situación?

Que David Fernández Calviño vai marchar coa acta de deputado do Parlamento galego e vai compaxinar o traballo en Dinamarca co traballo na Cámara e... non sei se no Concello de Toén tamén, porque alí aínda ten a acta que era do BNG.

E que lle parecen as leccións de ética que intentan darlle quen aínda conserva as actas doutra organización política?

(ri a gargalladas) Sen comentarios. Que cadaquén opine. 

Que lle parece logo que Calviño marche coa acta?

É un rapaz novo e está a o facer ben. Se ten vontade política e se llo consinten... fai ben. Adiante, David!

Mais é consciente de que non é unha cuestión de vontade política, senón de non lle ceder o escano a vostede.

Si, claro. Iso si. E paréceme todo unha tolería. Que o que estou a vivir non é verdade. Non comprendo o de correr a listaxe. Na campaña eleitoral o eixo era que eramos todos e todas a mesma voz, que eramos unha fronte anticapitalista e que aparcabamos as diferenzas que temos para potenciar o que nos unía. Entendo que calquera de nós representa o mesmo programa, o mesmo acordo programático. Sinceramente, non vexo argumento político ningún.

"Que se mude unha persoa da listaxe para que non prexudique politicamente un dos partidos que fan parte da coligación... ideoloxicamente paréceme unha fraude"

Nós presentamos unha listaxe dunha coligación onde moitos e moitas viñamos da rúa, que non pisaramos nunca as institucións. E foi iso o que ilusionou os votantes, a mensaxe que transmitimos de unidade. Que se mude unha persoa da listaxe para que non prexudique politicamente un dos partidos que fan parte da coligación... ideoloxicamente paréceme unha fraude.

A quen lle atribúe a decisión de que Calviño non renuncie ao escano?

Eu teño a impresión de que en AGE se fai o que manda Beiras. Mais iso é unha cousa miña. Beiras non é só Beiras. Ten detrás unhas persoas que si pisaron as institucións e que son as que están a presionar EU para que asuma como propios postulados que non quedaron moi claros cando se artellou a coligación. Parece que somos de esquerdas mais temos deuses. E gurús. En fin... non lle quero botar máis leña ao lume.

Fixo unha proposta a AGE...

(interrompe) Fixen dúas, mais unha delas non a sacaron na imprensa. 

"Parece que somos de esquerdas mais temos deuses. E gurús"

Explíquenolas, faga o favor. Que resposta recibiu?

Unha pasa por estar eu no Parlamento dous anos e ceder o escano a Anova o derradeiro ano da lexislatura. A outra, xa que falamos de correlación de forzas, se queda libre un escano dos dous partidos que teñen a meirande parte deles, que corra a lista desde o final. Así entrarían Equo ou os Ecosocialistas. Á primeira proposta non me contestaron. Á segunda, tampouco.

Mais entón non quere entrar no Parlamento, quere que non entre a deputada de Anova.

Non, non, non. Eu non teño nada contra Anova. O que me parece é que se hai unha listaxe que se presentou e se votou, se se modifica, que un partido se beneficia ou se prexudica non é argumento porque non somos dous partidos. Ou? É que non vexo un pacto, vexo un trato político feito ás costas dos votantes, da militancia e dos candidatos.

"Eu non souben dese acordo en ningún momento. Nin eu nin a militancia"

Comunicáronlle a resolución que se adoptou no Consello político nacional?

No mesmo día, si.

Está disposta a se arriscar a ser expulsa de EU?

É un final do cal non gostaria ninguén, porque é doloroso. Aliás, para me expulsar o argumento que teñen que empregar é un punto dos estatutos que se acordou para os tránsfugas: que a acta é da organización e non da persoa. Mañá --en referencia a esta quinta feira 31 de outubro-- teño outra xuntanza con eles. Pedín que fose aberta á cidadanía que votou AGE. Dixéronme que non, que ten que ser interna.

E se lle comunicasen nesa xuntanza que Fernández Calviño xa renunciou? Que faría?

Non vou renunciar á acta que me corresponde. 

Comentarios