Carme Iglesias denuncia ser vítima de "insultos, desprezo e acoso"

Carme Iglesias Sueiro dixo na Radio Galega que David Fernández Calviño “dicía nos mítines que ía marchar” para Dinamarca cando lle aprobasen a bolsa, e que iso era coñecido ''por todos''. Iglesias denuncia ser vítima de 'insultos, desprezo e acoso'' por se reafirmar en que vai ocupar o escano vacante.

carmen
photo_camera carmen

Nunha entrevista na Radio Galega, Carme Iglesias afirmou que “todos sabían” antes dos comicios galegos de outubro de 2012 que David Fernández Calviño ía renunciar o escano se saía deputado. “En Anova e Esquerda Unida sabíano”, insistiu Iglesias, que mesmo engadiu na entrevista na radio pública que o propio Calviño “decía iso nos mítines e falaba mesmo de Dinamarca, que era moi guay”.

Para esta ourensá, que se mantén firme en que vai ocupar a vacante que deixa Calviño e non vai renunciar á acta, como lle piden desde AGE, David Fernández deixara claro que marchaba “moitas veces”, pois pedira unha bolsa e estaba agardando que lla concederan, sempre segunda a versión de Carmen Iglesias.

Iglesias tamén afirmou nesta entrevista que a decisión de non deixar correr a lista para que ese escano fose ocupado pola número 3 (tamén de Anova, como Fernández Calviño) estaba a provocar unha situación difícil para ela. Así, empregou textualmente as palabras “acoso”, “desprezos” e “insultos”.

“Defenderei o programa de AGE”

Esta ourensá dixo que a súa intención era tomar posesión do escano e entrar no grupo parlamentar de AGE, mais recoñeceu que iso era imposíbel. Mesmo así, apuntou, “eu defenderei o programa de AGE e votarei a favor de todo o que eles propoñan no Parlamento” 

Comentarios