VOCES DE CAMPAÑA/CARME ADÁN

"Imos con propostas moi concretas mentres outros falan de cousas etéreas ou de fume”

A cabeza de lista de Nós por Pontevedra defende unha campaña a pé de rúa e reivindica como espello o papel feito polo nacionalismo galego no Congreso.

OxVlkUwj
photo_camera (Imaxe: Nós)


Como está vivindo a campaña?

É unha oportunidade magnífica para estar coa xente a pé de rúa. Xa dixen no debate da TVG que para min o parlamentarismo verdadeiro está na rúa, escoitando os problemas para despois levalos ao Congreso, como ten feito historicamente o nacionalismo. Nós Candidatura Galega ten claro que fronte a ese bipartidismo a catro dos estudios televisivos, estamos facendo o que sabemos facer, traballar coa xente, o que sempre fixemos. Nacemos para traballar coa xente, é a nosa vontade. Está sendo unha campaña moi intensa, de redes pero tamén de rúa. Levo moitísimos quilómetros enriba e agardamos multiplicarnos no que queda de campaña.

Unha eleccións que definen como cruciais. Que teñen de diferente a outras?

Xogámonos moitísimo nesta lexislatura. Desde as cousas máis concretas, as cousas de comer, até o debate territorial, onde non podemos perder un centímetro a respecto de Euskadi e Catalunya. Por iso creo que é moi importante a presenza de Galiza no Congreso. Vivimos momentos convulsos, onde se prevé un escenario sen maiorías absolutas, cun Congreso máis fragmentado. O cal tamén é positivo, porque vai permitir máis debates, chegar a máis acordos, e onde ter representación vai ser fundamental para decidir en todos os temas que nos afectan. 

"Non podemos perder un centímetro a respecto de Euskadi e Catalunya no debate territorial"

Confía en que se abra ese debate territorial?

É unha evidencia que vai estar enriba da mesa. O tema de Catalunya non se pode levar unicamente pola vía xudicial, senón que é necesaria unha vía política. Nós propoñemos un proceso constituínte. A Constitución actual está totalmente vella e defendemos unha emenda á totalidade, porque o nacionalismo non a apoiou no seu momento, como para apoiar agora unha reforma parcial. Chegou o momento de dar o paso, e estamos totalmente convencidos de que se nós non estamos, ninguén vai a dar ese debate. Eu non son unha muller dogmática, pero dubido que Podemos, PSOE, PP ou Ciudadanos teñan interese en abrilo.

Unha das propostas que máis defendeu nesta campaña é o recoñecemento da figura do feminicidio. Que suporía?

A Lei Integral contra a violencia machista tivo fundamentalmente un carácter penal, que é necesario, pero non suficiente. Hai que ir a un estatuto propio que recolla non só o aspecto legal, senón aspectos chaves no social. Como que o recoñecemento de vítima non estea ligado só á denuncia ou ao ministerio fiscal. Que se acredite a situación de vítima á hora de pedir un salario da liberdade ou unha axuda para a vivenda. Se avanzaría na visibilización do problema e se daría un maior soporte ás mulleres. 

"Non houbo nin unha soa transferencia de competencias para Galiza nesta lexislatura" 

Demanda a eliminación das peaxes na AP-9. Pero hoxe é de titularidade estatal.

O señor Feijóo vén de votar a favor no Parlamento galego da transferencia da AP-9. Pero xa veremos se o PP vota a favor cando o levemos ao Congreso. E evidentemente que cada día que pasa son entre 300.000 e 350.000 euros de beneficio para a concesionaria, que é claramente un roubo aos galegos e galegas. Un imposto á circulación das persoas e das mercadorías. 

Cales son as prioridades na provincia de Pontevedra?

Depende das comarcas. Na de Lalín e no Deza, esixir prezos xustos para o leite. O saneamento integral de todas as rías, que o Estado gasta menos en Galiza que en outras partes do Estado, un problema ambiental pero tamén de capacidade pesqueira. No ámbito do Salnés a promoción do viño. No Baixo Miño nas relacións con Portugal. Na de Vigo é fundamental recuperar o naval, a automoción e a pesca. Un estaleiro de primeira como Vulcano sen carga de traballo e na automoción cun 20% menos de postos nos últimos catro anos. A sanidade, onde as políticas privatizadoras do PP tiveron unha grande incidencia na provincia. Hai que resgatar o Álvaro Cunqueiro para que sexa un centro totalmente público. E non me quero esquecer de Pontevedra, que o único que lle falta para ser perfecta é ter Ence fóra da ría. 

En que se basea o modelo de financiamento para Galiza que propoñen?

Apostamos nun sistema de concerto económico coma o vasco. Vemos nas balanzas fiscais como saímos claramente prexudicados, porque os fondos que recibimos son deficitarios. 

Pero o PP di ter aumentado os fondos nesta lexislatura.

Montes e moreas. Pero a realidade é que non houbo nin unha soa transferencia para Galiza nesta lexislatura, é dicir, recentralización de competencias. O sistema de financiamento é nefasto. Non ten en conta a dispersión e o envellecemento da poboación. Os nosos concellos cobran de media 50 euros menos por habitantes que o resto do Estado. Por xustiza, apostamos noutro modelo que nos permita manter os nosos servizos públicos.

"Non temos por que pagar as peaxes da luz cando somos produtores con excedentes. Se poden reducir entre un 15 e un 20%".

Como crear unha tarifa eléctrica propia fronte aos xigantes que controlan a enerxía? 

É un tema político. Decidiuse privatizar e darlle todo o poder a ese grande oligopolio. Temos a lei do sector de 2013, que lle dá aínda máis poder e penaliza as enerxías renovables. Fronte a iso nós dicimos tarifa eléctrica galega e enerxías renovables, porque nos dous somos competitivos. Non temos por que pagar as peaxes de transporte, penalizando as nosas empresas e familias, cando somos  produtores e con excedentes. Se poden reducir entre un 15 e un 20%, e polo tanto na factura. Xa o conseguiron en Euskadi. É unha cuestión de vontade política.

Feijóo refírese á candidatura de Nós coma “os do non”. Que lle parece?

Nós somos os do si, pero non imos avalar os seus recortes. Somos os que máis propostas levamos nesta campaña electoral, propostas concretas para o país, mentres vexo a xente falando de cousas moi etéreas, cando non directamente de fume. Somos os do si por este país, con humildade, pero con propostas que cremos fundamentais para o día a día das galegas e galegos.

Comentarios