POLA CONTRA, A XUNTA "SALVA" A FUNDACIÓN CELA

BNG e CIG denuncian a eliminación de Preescolar na Casa

A deputada nacionalista Carme Adán sinalou no pleno do Parlamento de hoxe que o programa leva 35 anos traballando pola educación de nen@s do medio rural. Ao tempo, a CIG-Ensino, xunto co persoal da Fundación, insistirá na proposta de solicitude dun ERE que lle dea continuidade ao programa até o 31 de decembro deste ano.

Carme Adán lamenta a decisión do Goberno galego de eliminar o Programa Preescolar na Casa, malia a súa contribución á educación e normalización lingüística d@s nen@s no medio rural. Acusou á conselleira de Traballo, Beatriz Mato, de “complicidade” no seu peche definitivo: “fixeron vostedes todos os esforzos posibles para eliminar un programa considerado vangarda no rural galego”.

O Programa Preescolar na Casa contara no ano 2009 con 500 mil euros de Traballo e Benestar; no 2010, con 400.000; e no 2011, con 200.000 que nunca chegou a percibir porque “a consellería decidiu retiralos ao final de ano”. A situación agravouse ao reduciren as subvencións a Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Consellaría de Educación, abocando o Programa á súa desaparición. A conselleira de Traballo e Benestar asegurou que o rural galego cambiou moito nestes anos: “as granxas son empresas e existen outras necesidades”.

Pola contra, sinala a deputada, a Xunta “rescata a Fundación Camilo José Cela” cuxo xerente, cun salario de 9.000 euros, demostrou unha “pésima xestión”, e foi obrigado a dimitir polo Partido popular para despois ser substituído pola filla dun ex-conselleiro. A Fundación recibiu nos tres últimos anos “un millón de euros do Goberno galego”, malia a falta de visitas e actividade da fundación, “o Goberno galego decidiu salvala”.

Proposta dun ERE para prolongar a vida do programa até decembro

A CIG-Ensino maniféstase tamén ao respecto, apuntando á Consellaría de Traballo e Benestar como responsábel, e incidindo tamén no apoio do PP á “Fundación Camilo José Cela”, as “Escravas de Cristo” ou “Rebaño de María”, entre outras. Máis tamén considera unha “temeridade por parte do Padroado de Preescolar na Casa, e unha neglixencia imperdoábel dos seus asesores”, solicitar o Concurso de Acredores sen estudaren antes as consecuencias que isto ía ter cara á solicitude de futuras subvencións para o curso 2012-2013.

O sindicato sinala que a Fundación non ten agora débeda ningunha que non poida pagar e existían outras fórmulas para evitar os riscos patrimoniais dos membros do Padroado (como solicitar un “pre-concurso”), e denuncia que o Administrador Concursal quixo liquidar o programa no menor tempo posíbel e en ningún momento estivo receptivo a propostas.

Para prolongar o programa polo menos até o 31 de decembro deste ano, o persoal da Fundación e a CIG-Ensino propoñen un expediente de regulación de emprego, como medida alternativa, xa que consideran que existen fondos da propia fundación (e os conseguidos a través de subvencións) como para chegar ata fin de ano. Esa marxe de tempo permitiría agardar a coñecer a resolución doutras subvencións, no mes de novembro, e que se debatese a ILP, xa en trámite no Parlamento de Galicia, que, de aprobarse, permitiría que o programa seguise a funcionar. 

Comentarios