CARLOS DEL RÍO/ENTREVISTAS ARREDOR DA UNIDADE

Carlos del Río: "É un erro levar Podemos na papeleta, é unha marca que tira á baixa"

Carlos del Río (Cedeira, 1967) é o portavoz de Bases-Podemos a nivel estatal, movemento crítico coa cúpula do partido de Pablo Iglesias. Membro de Ferrol en Común, é “firme defensor dunha candidatura galega única, elaborada desde abaixo”.

IMG-20151009-WA0017
photo_camera Carlos Del Río

Que é Bases-Podemos?

É un movemento crítico a través do que intentamos recuperar o que eran os principios fundacionais de Podemos antes da asemblea de Vista Alegre. Somos entre 3.000 e 4.000 persoas críticas coas cúpulas de Podemos e cada vez sumamos máis. O día 16 de outubro imos dar unha rolda de prensa en Madrid para amosar a nosa versión sobre a situación actual de Podemos.

Como definiría esa situación?

Podemos está a ter un grave erro de estratexia, non está sabendo ver o que demanda a cidadanía, o discurso da cúpula estase quedando vello. O xiro de Podemos até o centro, un espazo que xa está ocupado por Ciudadanos, é un erro tremendo. Por todo isto, hai un desencanto dentro das bases. Ademais, Podemos pasa de ser un partido ilusionante a ser do sistema. Algo está ocorrendo cando as enquisas nos daban en xaneiro un 28% de intención de voto e hoxe dan entre o 13 e o 14%. En Cataluña non souberon ler o momento histórico, nin en Andalucía fixeron unha lectura correcta. Falta autocrítica na cúpula, que é hermética e desconfía das bases. Non entendemos a folla de ruta marcada por Pablo Iglesias, Errejón e Bescansa. O movemento, que era de abaixo cara arriba, cos círculos, converteuse nun partido non circular, no que a cúpula impón.

Se Podemos se presenta só en Galiza teño dúbidas de que sacase algún representante

E en Galiza, que lectura fai de Podemos?

Está aínda máis roto que a nivel estatal. Agás no caso de La Rioja e Santander, onde non hai órganos autonómicos, Galiza é a comunidade na que Podemos ten menos apoios, un 2,9%. As dimisións en masa, a falta de quórum dentro do propio Consello Cidadán autonómico para tomar decisións... hai moitos problemas. Se Podemos se presenta só en Galiza teño dúbidas de que sacase algún representante. En Galiza, o espazo de Podemos foi tomado polas candidaturas de unidade popular. Creo que é un erro levar Podemos na papeleta, porque é unha que tira á baixa. Na bolsa caen as súas accións.

Como ve o futuro de Podemos?

É unha marca que non está a achegar nada. No tempo en que xurdiron as mareas era unha marca á alta. En Galiza, se hai malos resultados, pode estoupar todo polo aire. Xóganse moito Breogán, o proxecto de Beiras e Yolanda Díaz... como sexa malo este experimento vailles pasar factura política... Son bastante pesimista sobre o futuro de Podemos se non hai refundación.

Deberían confluír o Encontro cidadán por unha Marea Galega e Iniciativa pola Unidade?

Por suposto, pero hai unha cuestión de egos. O que están facendo é un pacto de cadeiras, de actas. Iso vese. Que medo hai a facer unha gran marea que faga unha asemblea e a xente elixa a quen queira como candidato? Teño claro que se van impoñer listas pechadas e que non se vai permitir unha liberdade democrática radical como dicía Podemos.

O Encontro pensa que o cabalo gañador é Anova, Podemos e EU

Que diferenzas percibe entre estas dúas plataformas?

O Encontro pensa que o cabalo gañador é Anova, Podemos e EU. Eu penso que será gañador de forma pírrica, non será unha candidatura gañadora, gañadora. O Encontro tería que xogar papel de unión entre as dúas e non facer un desmarque tan chamativo. Hai que dialogar e chegar a acordos e empezar polo que une. Ampliar o espazo de unión e non de desunión. Nestes intres, síntome desilusionado polo panorama que hai en Galiza. Eu avogaría sempre por dialogo sincero, polo que une, e unha papeleta única. O bipartidismo e o neoliberalismo van utilizar a desunión para facer dano.

Ten que haber un grupo parlamentar galego propio?

Eu estou por un grupo parlamentar propio, téñoo moi claro. Defendo o dereito a autodeterminación e dígoo, non o calo. É, precisamente, un dos temas que me levou a entrar en Podemos, pois Podemos aceptaba o dereito de autodeterminación dos pobos. Logo, comezou a cambiar o discurso e agora non se sabe se está pola autodeterminación ou non. En Cataluña, non souberon ler o momento e o voto de Podemos foi moito para a CUP, un movemento máis sensato, cun discurso máis democrático, desde abaixo cara arriba. Se vivise en Cataluña, eu votaría a CUP e non Podemos.

Haberá unha única candidatura galega?

Non. Xa o tiña claro antes de conformarse o pacto e mesmo antes de nacer o Encontro ou Iniciativa pola Unión. Sabía que habería dúas ou tres papeletas. Son bastante pesimista ao respecto... e iso que creo que era un momento histórico para derrotar o PP. Coa división do voto, non auguro bos resultados nin para uns nin para outros.

O pacto deixou fóra moita xente, sobre todo as bases que estamos por unha gran marea galega

Que lectura fai do pre acordo asinado entre Anova, EU e Podemos de cara a crear unha listaxe para as xerais?

Para min é un erro tremendo. Visualízase que isto é parte de tres partidos. A foto xa o di todo, e o que demanda a sociedade galega é unha única papeleta. O pacto deixou fóra moita xente, sobre todo as bases que estamos por unha gran marea galega. Hai moita xente desencantada con que poida haber dúas candidaturas dentro dun espazo semellante, coas súas variábeis, e tanto uns coma outros van ter que darlle explicacións á cidadanía deste erro histórico. Penso, ademais, que o BNG tería que dar o paso de apoiar as mareas nos concellos. En Ferrol, estamos sufrindo unha oposición bastante forte. O BNG podería entrar nos gobernos sen problema e este sería un paso importantísimo para poder ter un diálogo máis sincero e unha posición máis forte.

Como valora a ruptura de Podemos con Garzón?

Non é serio. Coñezo persoalmente Garzón, que é un gran político e que defende valores claros de esquerda. IU, que ten débedas económicas importantes, se non presenta só non vai ter poder de financiamento. Non entendo como en Galiza ou Cataluña si conflúen a nivel estatal non o fan... É certo que Pablo Iglesias é unha persoa bastante arrogante, que se creceu moito. Ese endeusamento vaille pasar factura. Penso que neste caso é un problema de egos e de cadeiras. En Galiza Podemos sabe que está debilitado e que ten máis posibilidades se concorre con Anova e IU.

Comentarios