O cardenal Rouco Varela advirte de “feitos e actitudes” que poden causar unha guerra civil

Rouco Varela referiuse na homilía do funeral de Suárez daquela “España que, cos seus mozos, quería superar para sempre a Guerra Civil” e advertiu de “feitos que actitudes que a causaron e que a poden causar”. 

Rouco Varela
photo_camera Rouco Varela

O cardeal arcebispo de Madrid, Antonio María Rouco Varela, volveu pronunciar frases para a súa particular antoloxía na homilía pronunciada no funeral na honra de Adolfo Suárez. Rouco falou daquela “España que, cos seus mozos, quería superar para sempre a Guerra Civil” e advertiu de “feitos que actitudes que a causaron e que a poden causar” sen se referir á implicación da Igrexa na ditadura que se prolongou durante máis e corenta anos. 

A carga política do discurso de Antonio María Rouco Varela acadou as súas expresións máis intensas ao se referir á posibilidade dunha nova guerra civil por medio duns “feitos e actitudes que a causaron e que a poden causar”. 

Para as comunidades históricas, concordia

O cardeal na que posibelmente será unha das súas últimas intervencións de carácter oficial se se confirma o seu relevo por parte do Papa, non desaproveitou a ocasión para referirse aos nacionalismos nun argumento que partiu do propio epitafio de Adolfo Suárez que reza “a concordia foi posíbel”. Rouco Varela fíxose, tomando a frase como partida, a pregunta: “Por que non han de selo tamén agora e sempre na vida dos españois, das súas comunidades históricas?,  nun acto no que estaban presentes os presidentes das distintas autonomías. 

O episodio súmase a outros xa históricos do arcebispo como a denuncia do “estremecedor número de abortos” na xornada sobre a familia en Madrid onde defendeu que a vida era de Deus “desde o momento en que é concibido nas entrañas maternas até a morte”. Ao PP esixiulle que cambiara a lei do aborto, rematar cos matrimonios homosexuais, e a eliminación da educación para a cidadanía, “unha das razóns básicas do deterioro do ensino en xeral”.

Comentarios