Caravana no centro comercial contra a "censura" de bandeiras galegas coa estrela vermella

Un grupo de persoas percorreu con ‘estreleiras’ o centro comercial compostelán onde rapazas denunciaran “acoso” de vixiantes por levar esa bandeira.

bandeira as cancelas centro comercial Imaxe Galiza Nova
photo_camera Imaxe: Galiza Nova

“Se non queres caldo, dúas cuncas”. O refrán galego aplicouse estes días no centro comercial As Cancelas. Se a pasada quinta feira un grupo de rapazas denunciaban o “acoso” de gardas de seguridade por levar unha bandeira galega coa estrela (tamén coñecidas como ‘estreleiras’), nesta segunda feira unha caravana de persoas percorreu a superficie comercial con esas bandeiras anoadas ao pescozo.

Respondían deste xeito á convocatoria que se fixo nas redes sociais por Dereitos Civís e baixo o lema ‘Encontro en defensa da nosa bandeira’. Un acto para reivindicar a bandeira galega coa estrela vermella e rexeitar o que cualifican de “censura”. 

Un grupo de mozas denunciou a semana pasada “acoso” de gardas de seguridade nun centro comercial por levar ‘estreleiras’. Afirmaban que un dos vixiantes agarrou do brazo a unha delas e outro díxolles que esa bandeira “incita atentados”. “Estabamos no centro comercial non porque fosemos protestar ou provocar, iamos comer despois dunha manifestación”.

Comentarios