Canto e en que gasta os cartos o teu concello? Así podes comprobalo

A AIReF crea unha ferramenta para coñecer os custos efectivos dos servizos que presta cada concello ou deputación.
Unha ferramenta do Observatorio da AIReF ofrece toda a información sobre os custos efectivos dos servizos que presta cada entidade local (Foto: Nós Diario).
photo_camera A nova ferramenta do Observatorio da AIReF ofrece toda a información sobre os custos efectivos dos servizos que presta cada entidade local (Foto: Nós Diario).

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) actualizou esta sexta feira o seu Observatorio interactivo de corporacións locais, cos últimos datos publicados polo Ministerio de Facenda e Función Pública e unha nova funcionalidade que permite ver a evolución dos custos efectivos dos servizos que presta cada concello, deputación, cabido e consello insular.

Segundo informou a AIReF, as persoas usuarias poderán coñecer de forma sintética e interactiva o custo efectivo dos servizos que presta a entidade local que queiran consultar, diferenciando entre os servizos que prestan de forma obrigatoria e aqueles que realiza cada entidade no exercicio das súas competencias propias.

Neste contexto, a actualización do seu Observatorio conta coa información relativa a estes custos entre 2014 e 2020, que publicou o Ministerio de Facenda cos datos que as entidades lle remitiron.

A nova información ofrécese a través de dúas novas pantallas: unha que permite ver a información básica do custo dos servizos na entidade seleccionada e outra que permite analizar o detalle dun servizo concreto elixido polo usuario.

Segundo o exemplo que puxo a AIReF na presentación da ferramenta, na pantalla de información básica de Zaragoza visualizábase un custo de prestación de servizos en 2020 de 726,6 millóns, dos cales 561,4 se corrsponden con servizos municipais obrigatorios e 165,2 millóns a outros que realizou no exercicio das súas competencias propias.

Destes últimos, os máis importantes en contía foron a conservación e mantemento das escolas municipais, o tráfico e estacionamento de vehículos e a evacuación e tratamento de augas.

Ademais desta nova funcionalidade, a nova versión do Observatorio inclúe melloras de funcionalidades anteriores, como a visualización directa dos ingresos e gastos propios de cada entidade e a posibilidade de mostrar os datos de ingresos e gastos agregados polos capítulos orzamentarios que o usuario elixa.

Comentarios