Cañete deberá tomar posición a respecto da etiquetaxe das conservas

O BNG rexistra unha iniciativa parlamentar en que demanda ao ministro de agricultura español tomar posición a respecto da emenda presentada pola eurodeputada do PP, Carme Fraga, onde demandaba a supresión da orixe dos produtos na etiquetaxe das conservas.

O pasado 12 de setembro, unha eurodeputada galega do Partido Popular, Carme Fraga, introducía unha emenda pola cal demandaba a supresión da orixe nas etiquetas dos produtos en conserva. Moluscos, peixes e mariscos galegos –de gran prestixio e calidade internacional-- ficarían desprotexidos perante as materias primas conxeladas e importadas doutras áreas xeográficas, de se aprobar finalmente o documento –que leva por nome Informe Stevenson-- tal e como foi emendado polo eurogrupo popular. O texto constitúe un dos textos que darán lugar á futura Política pesqueira común (PPC).

A deputada do BNG no Congreso d@s deputad@s, Olaia Fernández Davila, presentou esta terza unha iniciativa parlamentar en que lle exixe ao ministro de Agricultura español, Miguel Arias Cañete, que o goberno tome posición a respecto da emenda achegada pola eurodeputada, Carme Fraga.

Segundo Fernández Davila, a ocultación de información nas conservas “prexudicará @s consumidor@s e o sector da conserva galega” --un dos máis importantes no seo da UE--, porén, a súa situación actual vese intensamente agraviada pola “competencia desleal” das empresas procedentes do sueste asiático por mor da sinatura dun acordo entre a Unión Europea e Papúa Nova Guinea. Neste sentido, a deputada nacionalista asegurou que a supresión da orixe da etiquetaxe repercutirá de maneira beneficiosa para aquelas materias primas que, en troca de se diferenciaren pola súa calidade, empreguen o prezo –e os baixos custos de produción-- como elemento diferenciador no mercado.

Comentarios