XAVIER VENCE, SOBRE ANOVA

“Cando unha organización non ten proxecto pódelle valer calquera alianza”

O portavoz nacional do BNG considera que, antes de dar consellos de ‘’integración’’, a Irmandade Nacionalista debería empeza pola “súa casa”.

VENCE ROLDA DE PRENSA1
photo_camera VENCE ROLDA DE PRENSA1

O portavoz nacional do BNG considera que cando unha organización “non ten proxecto, pódelle valer calquera alianza”. Unha frase referida a Anova e realizada após preguntarlle os xornalistas a súa opinión sobre as recomendacións da formación liderada por Beiras nas que pedía ao BNG que non fose “excluínte” (en referencia a Esquerda Unida) á hora de tecer alianzas para derrotar a dereita.

Xavier Vence entende que non se poden dar recomendacións ao BNG desde Anova cando esta formación tivo na súa asemblea desta fin de semana un resultado “pouco integrador”, referíndose a que o sector oficial copou máis do 90% da Coordenadora Nacional. Para Vence, Anova debería comezar por “xerar integración” no seu propio seo.

O portavoz nacionalista propuxo erguer “unha alternativa ao PP” que se faga “en clave de país” e cunha estratexia “nacionalista e de esquerdas”, mostrando as súas dúbidas sobre as organizacións que apostan en pactos diferentes en función das citas coas urnas.

Galiza, sen goberno

As declaracións de Vence realizáronse durante a rolda de impresa convocada polo BNG para valorar a situación política e o resultado do debate do estado da nación. Para Xavier Vence, ficou demostrado que Galiza está “sen goberno” e que Núñez Feijóo non ten ningún interese en dialogar e escoitar a oposición.

Vence propuxo erguer unha "alternativa ao PP" que se faga "en clave de país"

Lamentou que desde o goberno non se fixese nin unha soa proposta concreta e firme en sectores como o emprego, a sanidade ou a educación. Algo que se produce por termos un goberno que "non está á altura do que Galiza precisa".

Comentarios