Ana Pontón, perante o Día da Patria Galega 2019

"Cando non nos autolimitamos temos resultados espectaculares"

Un BNG sen medo a voar e que, co horizonte posto en 2020, vai a por todas. Ese é o retrato que pinta da súa organización Ana Pontón nas vésperas do Día da Patria Galega. Consciente dos riscos que sempre se agachan tras a autocompracencia, a líder nacionalista procura non perder o sentido da realidade, mais si ve o Goberno Feixoo seriamente tocado, moi próximo ao seu epílogo. E canto ao papel que o BNG pode xogar na construción da alternativa, non se pon ningún teito.
IMG-20190722-WA0013
photo_camera Ana Pontón

En termos deportivos diriamos que Pontón non asina ningún resultado por adiantado, nen sequera ser a terceira forza política nas próximas eleccións galegas. "Non viñemos para resistir. Viñemos para vencer", dise no vídeo producido pola formación nacionalista para este Día da Patria Galega 2019. A portavoz nacional amplifica esa idea nesta entrevista con Sermos Galiza.

Este vai ser o seu cuarto Día da Patria Galega como portavoz nacional. Que balanzo fai deste período?

Fago un balanzo positivo. Nun período de tempo moi corto, reseteamos o nacionalismo e puxemos en marcha un proxecto novo, cunha xeración nova que o dirixe. Un proxecto que recolle toda a base do nacionalismo, mais que á vez actualiza a forma en que nos relacionamos coa sociedade. E, ben, se hai un indicador de que imos na boa dirección é que asistimos a unha mudanza de ciclo político e electoral e que o nacionalismo ten un potencial enorme por diante. Na Galiza existe un sentimento de identidade e pertenza moi estendido. O noso traballo agora é que ese sentimento teña tradución política. A conseguir ese obxectivo dedicamos todos os nosos esforzos.

Algunha sombra nese balanzo ou todo son luces?

Non vou dicir que todo é perfecto, mais obxectivamente o que temos é unha organización sólida, cohesionada, unida e moitas persoas a traballar nun proxecto político que, como todos, é un proceso sempre inacabado. Se algún reto ten por diante o nacionalismo é non termos medo a voar e a dirixírmonos ao conxunto da sociedade con ambición de país. Acabamos de pasar unhas eleccións municipais en que demostramos que cando non nos autolimitamos temos resultados espectaculares. Ese é o camiño a seguir. Un BNG que avanza e que vai cos tempos de hoxe para ofrecer futuro á nosa nación.

Nun período de tempo moi corto, reseteamos o nacionalismo e puxemos en marcha un proxecto novo, cunha xeración nova que o dirixe

"Galiza, un novo impulso" é o lema co que convocan a se manifestar. Un impulso cara a onde?

Un impulso nun duplo sentido. Galiza necesita que o nacionalismo teña máis pulo, máis proxección. Eis está o reto de 2020 [próximas eleccións galegas], o desafío de xogarmos un papel clave e central na política galega. E logo está o impulso que necesita Galiza. Estamos a atravesar a maior crise demográfica da nosa historia. Mais de 200 mil persoas emigraron na década de goberno Feixoo. A precariedade dentro da mocidade é galopante... Ese impulso só llo pode dar a Galiza unha forza cun proxecto modernizador e de futuro. Só llo pode dar o BNG.

Imaxine que se atopa cunha moza galega que lle confesa que non sabe moi ben que é iso do Día da Patria Galega e que, por tanto, non sabe se irá ou non á manifestación do 25X. Que lle diría?

En primeiro lugar, diríalle que se vén non se vai arrepentir e vai volver. O 25X é un día moi emocionante. Conflúen nel sentimentos e aspiracións. O sentimento de orgullo de pertencermos a este país. A aspiración de avanzarmos como unha nación en que a xente moza poda realizar os seus soños sen se ver obrigada a emigrar. Non hai maior fracaso como sociedade que o feito de as novas xeracións pensaren que non teñen futuro aquí.

Ve suficientemente popularizado o Día da Patria Galega entre as novas xeracións?

Uff, esa é unha pergunta moi difícil de responder. Si podo dicir que nos últimos 25 de xullo houbo unha grande participación de xente moza. É certo que sempre nos pode parecer insuficiente e estou segura de que cada ano irá a máis. Hai un apoio crecente da mocidade ao nacionalismo galego. E iso dános moita esperanza de cara ao futuro.

O Día da Patria Galega coincide este ano coa votación final do debate de investidura no Congreso dos Deputados. Que expectativas ten depositadas nel?

O resultado da votación non se define no debate, senón nos pactos que se fechan en despachos. O que ficou retratado durante os tres meses transcorridos entre as eleccións e a investidura é que para as forzas políticas do Estado español Galiza é diminuta, tan diminuta que non a ven. Vemos un debate con Galiza desaparecida e ningunha das forzas con presenza nesa cámara foi capaz de formular nunha axenda galega que condicionase a serio a investidura. Sabemos que van facer os vascos, os cataláns e até os valencianos que demandan mellor financiamento para o seu territorio. E os galegos? Pois está claro: os deputados eleitos por Galiza non van a Madrid coa cabeza posta no país, senón a premer o botón tal e como lles ordenan Sánchez, Casado, Rivera ou Iglesias.

Para as forzas políticas do Estado español Galiza é diminuta, tan diminuta que non a ven

José Manuel Sande, senador da confluencia, declarou días atrás que só eles defenden en Madrid os intereses de Galiza...

As palabras soportan todo. A realidade do compromiso co país de Podemos ou as confluencias, non sei como se chamarán finalmente na Galiza, tivémolo cando pactaron co PSOE os orzamentos do Estado. As contas en que se aplicaba o menor volume de investimentos no país das últimas décadas. Os feitos retratan os dirixentes políticos moito mellor que as palabras.

Todas as forzas políticas teñen posto o albo en 2020. Feixoo vive sen dúbida os peores momentos da súa década como presidente, após ter perdido o PPdeG a súa condición de primeira forza galega nas xerais e nas europeas. Porén, hai certo consenso en considerar que as eleccións galegas serán outra historia.

Ben, nas galegas hai unha dinámica propia e diferente. Con todo, estou certa de que estamos perante o fin do ciclo Feixoo. O seu balanzo de goberno é calamitoso para este país. Unha década despois, aínda non recuperamos o nível de emprego que tiñamos antes da crise. Alén diso, desapareceron as caixas de aforro, a lingua galega está en declive, a mocidade emigra, a sanidade ten cada vez menos recursos e está cada vez máis privatizada. As galegas e os galegos temos moito aguante, pero chegou o momento de dicir basta xa. Mais para iso ten que haber unha mudanza non só das políticas, senón tamén do rol que Galiza xoga no Estado español. E o que nos ensina a experiencia é que canto máis se mira para Madrid, peor para Galiza. Só unha forza comprometida con esta nación pode mudar para ben o actual estado das cousas. E esa forza é o BNG.

Nas últimas eleccións realizadas na Galiza en que se votaba con perspectiva nacional e non estritamente local, as europeas, o BNG conseguiu recuperar a condición de terceira forza política, superando con clareza Unidas Podemos. Ese é o obxectivo do BNG para as eleccións galegas?

O que nos ensina a experiencia é que canto máis se mira para Madrid, peor para Galiza

O noso obxectivo é termos a capacidade para liderar o país. Iso decidirano as galegas e os galegos co seu voto. Nós, desde logo, imos a por todas. As eleccións galegas teñen unha dinámica propia. Por así dicilo, son as nosas e moita xente mira para o BNG. Son un reto moi importante. E desde logo nos próximos meses imos dedicar todos os nosos desvelos a espallar o proxecto avanzado, moderno e transformador, que o nacionalismo representa na Galiza.

Supoñamos que Feixoo finalmente anticipa as eleccións, vese no Día da Patria Galega 2020 como vicepresidenta dun goberno de coalición?

A nosa aspiración non é ser a pata pequena de ningun goberno. Explicámonos por nós propios, non en función de ningunha outra organización. Apresentámonos como unha alternativa transformadora e diferente, como unha forza galega e aberta ao mundo. Polo demais, vexo Feixoo moi nervioso e tampouco seria de estrañar que utilizase a prerrogativa de convocar eleccións de xeito partidista. Mais tanto ten que o faga. Nós estamos preparadas para calquera escenario.

Podemos agardar algunha sorpresa no seu discurso para este Día da Patria Galega? Ben, xa sei que se me responde deixaría de ser unha sorpresa...

[Risos]. Non imos desvelar todas as cartas antes do 25. Si quero facer un discurso que nos sirva para avanzar e para que as galegas e os galegos vexan que o futuro do país pasa polo fortalecimento do nacionalismo.

 

Comentarios