XAVIER VENCE, NO MITIN CENTRAL DO BNG NA CORUñA

“Cando Pablo Iglesias di que se fechen universidades, seguro que non se refire á Complutense"

Demostración de forza do BNG na Coruña. Mitin central e Paraninfo da Universidade da Coruña, un recinto que se debruza sobre unhas impresionantes vistas da baía, absolutamente ateigado, por volta de 500 persoas a arrouparen a Xosé Manuel Carril como candidato.

BNG, municipais 2015, mitin Corunha
photo_camera Carril, desde a tribuna


O discurso nacional e o social son inseparábeis, non se pode facer este sen aquel. Esta foi a ideia forza que transmitiu o Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas no penúltimo día de campaña, ateigando o Paraninfo da Universidade da Coruña. Un subidón de adrenalina e de enerxía para militantes e simpatizantes nacionalistas, crecidos nas últimas horas na cidade após unha iniciativa social ter apresentado un manifesto en apoio a Carril.

Houbo reparto de papeis entre Vence e Carril. O portavoz nacional preparou míseis dialécticos ao mundo Podemos. Carril, nunha intervención moi vehemente, dedicouse a estabelecer unha dialéctica bipolar entre o PP e o BNG, aos que retratou como auténticos antagonistas da política galega.

Vence estivo moi mordaz con Podemos e co seu líder. “Cando Pablo Iglesias di que hai que fechar universidades [o secretario xeral de Podemos dixo nunha entrevista na SER que talvez había demasiadas universidades no Estado; máis tarde, ante o rebumbio criado polas súas declaracións, especificaría que se refería a centros privados], seguro que non se está a referir á Complutense. Pensa seguramente en universidades do que el chamaría provincias. Imaxino o que pensa a comunidade universitaria coruñesa das ocorrencias recortadoras de Podemos”.

 “Temos experiencia contrastada. Temos modelos de éxito. Non somos ningún bluff”, dixo Vence

No subtexto do discurso de Vence habitaba unha idea central: as forzas políticas emerxentes son “conglomerados conxunturais”, en troca o BNG é un “proxecto serio e firme”. “O BNG é un proxecto para A Coruña e para Galiza. Somos un proxecto nacional”. O líder do Bloque reivindicou a folla de servizos da formación frentista. “Temos experiencia contrastada. Temos modelos de éxito, algúns, como Pontevedra, recoñecidos internacionalmente. Non somos ningún bluff”, dixo.

O rexisto de Vence na tribuna foi máis profesoral, co seu característico estilo pausado. A temperatura subiu de ton cando tomou a palabra Carril: o número 1 da candidatura coruñesa foi por momentos un trono e estivo moi emotivo -enarborou unha flor de toxo coa que quixo homenaxear as persoas que asinaron o manifesto no seu apoio (“seriamos nós os que teriamos que asinarvos un manifesto a cada un de vós”, díxolles)- e defendeu con vigor o compromiso do BNG cunha Coruña plural -”todas As Coruñas”, social e “galega”, o compromiso do Bloque con valores e principios éticos e con toda a traxectoria histórica do nacionalismo galego.

Comentarios